Seguimento case total na primeira xornada de folga completa contra a flexibilidade en Narwhal
A primeira xornada de folga completa para rexeitar a flexibilidade laboral que está a impoñer a empresa Narwhal Boats do Porriño tivo un seguimento practicamente total por parte do cadro de persoal, que aproveitou para percorrer en manifestación o polígono industrial da Granxa.
Os traballadores/as da compañía dedicada á fabricación de embarcacións decidiran elevar a presión sobre a dirección e estender a toda a xornada os paros de dúas horas por quenda que iniciaran o pasado 26 de abril e que se viñan celebrando días veces á semana. Agora os días de folga completa terán lugar os mércores e xoves durante as vindeiras tres semanas, xornadas que aproveitarán tamén para manifestarse polas inmediacións da empresa.
Con estas protestas queren rexeitar a flexibilidade laboral que está a impoñer a empresa, xa que en lugar de reforzar persoal entre marzo e xuño -meses que concentran maior actividade- o que fai é obrigar a traballar xornadas de até 11 horas, para despois reducir tempo de traballo ou mandar persoal para casa. Ademais, non remunera este tempo extra. “Por non falar de que impuxeron tamén quendas de mañá e tarde sen que exista ningún tipo de xustificación, cando sempre se traballou de 7:00 a 15:00 horas”, denuncian dende a CIG.
Dende a representación sindical de Narwhal (2 delegados/as de persoal da CIG e 1 de CCOO) chaman os máis de 40 traballadores/as da compañía a seguir secundando a folga e a participar nas mobilizacións en defensa dos seus dereitos laborais e das súas condicións de traballo.
Finalmente, anuncian que a dirección da empresa trasladoulles a súa intención de abrir unha mesa de negociación coa idea de manter cando menos dúas xuntanzas antes do acto de conciliación que terá lugar no SMAC o vindeiro día 20 a raíz do conflito colectivo presentado contra Narwhal pola modificación substancial das condicións de traballo.