Seguimento case total na folga indefinida contra a precarización na limpeza de contedores de Stellantis
A folga indefinida na limpeza de contedores da fábrica de Stellantis en Vigo iniciada o pasado luns día 3 está a ter un seguimento practicamente total por parte dos traballadores/as do Grupo Urbano Bernabé, contrata do servizo que pretende precarizar as condicións laborais. Segundo denuncian dende o comité, a dirección quere impoñer un cambio de convenio, do actual de Limpeza da provincia de Pontevedra ao de Transporte de Mercadorías por Estrada, co conseguinte prexuízo económico, social e de estabilidade laboral para os arredor de 60 empregados/as da compañía.
Dende que se iniciou o paro indefinido o cadro de persoal está a desenvolver un intenso calendario de mobilizacións, con concentracións diarias de 7:00 a 8:00 e de 21:00 a 22:00 horas diante das instalacións de Stellantis e con manifestacións polas rúas da cidade, como a celebrada hoxe mesmo. Para este xoves día 6 teñen previsto tamén desenvolver unha concentración diante da Inspección de Traballo de 11:00 a 12:00 horas, coincidindo coa mediación solicitada pola empresa.
A representación sindical -CIG, CGT e UGT- denunciou diante da autoridade laboral que o Grupo Urbano está a botar man de persoal de ETT para intentar minimizar o impacto dun paro que está a ser secundado pola práctica totalidade do persoal da empresa. Tamén presentaron denuncia diante da Inspección despois de atopar a un traballador de Stellantis desenvolvendo funcións dos empregados/as da contrata de limpeza.
Recortes e precarización
Finalmente, dende o comité lembran que dende que o Grupo Urbano Bernabé se fixo cargo do servizo os recortes que se veñen sucedendo dende hai anos – con externalización de labores a outras empresas con condicións laborais máis precarias- non fixeron máis que multiplicarse, ao tempo que aumentaron tamén os abusos e os incumprimentos.
Por iso, despois de meses de mobilizacións, de numerosas denuncias diante da Inspección de Traballo e de intentos infrutuosos de manter unha xuntanza con Stellantis -responsábel última do servizo-, “os traballadores/as víronse na obriga de iniciar unha folga indefinida en defensa das súas condicións de traballo”.