Seguimento masivo na segunda xornada de folga no transporte en autobús por un convenio digno
O seguimento da segunda xornada de folga no transporte de persoas viaxeiras por estrada da provincia da Coruña está a rexistrar un seguimento practicamente total. Ademais dos habituais piquetes informativos, o persoal visibilizou as súas demandas a prol dun convenio digno con concentracións nas estacións de autobuses da Coruña e Santiago e diante do edificio administrativo de Ferrol.
Esta é a segunda xornada de folga no sector na provincia e o paro repetirase o vindeiro luns, día 15 de decembro e o venres 19 de decembro, de non producírense avances que permitan desbloquear a negociación. Neste senso, Ernesto López, voceiro da FGAMT-CIG, lembrou que a foi a propia patronal a que deu por rotas as negociacións despois de varias xuntanzas sen presentar ningunha proposta.
Subliña que a única oferta do empresariado foi un incremento ridículo do 1,2% para este 2025, mais cunha rotunda negativa a modificar nada do resto do articulado. López Rei engade que o convenio leva caducado catro anos e a última vez que se negociou foi hai sete anos, polo que “é un convenio moi desfasado, obsoleto” e que xa está superado pola lexislación actual en materias como conciliación ou control horario.
De feito, ademais dunha suba salarial digna para este ano e para 2026 e unha cláusula de garantía ligada ao IPC para garantir o mantemento do poder adquisitivo, as principais reivindicacións do persoal refírense á regulación da xornada -reducindo as horas de condución e limitando a xornada a disposición das empresas-, actualizar o control horario, e mellorar os permisos retribuídos e os dereitos de conciliación. “Ou se moderniza o sector ou vai estar gravemente en crise”, alertou.
Outra das reivindicacións para este convenio refírense á necesidade de avanzar na dignificación das condicións do persoal acompañante do transportes escolar. Un colectivo altamente feminizado e precarizado “que sufre contratos miserentos de 114 minutos, xornadas que non se computan na súa totalidade e que incluso ten que pór cartos dos seus petos para traballar porque non teñen nin o transporte gratis para as liñas nas que traballan”.
Solicitude de mediación
Sobre a mediación solicitada no día de onte, xoves, pola patronal, o representante da CIG confirmou que esta foi aceptada pola parte social, aínda que considerou que chega tarde e sen marxe para acadar un acordo. “Se despois da folga do día 5 xa tivesen feito a solicitude, probabelmente a estas horas teríamos unha mesa aberta, estaríamos en conversas e igual até se daban as condicións para evitar a xornada de paro de hoxe. Pero a patronal esperou ao último momento”. Neste contexto, xa adiantou que “a folga do vindeiro luns é practicamente segura”.
López Rei foi moi crítico tamén co papel da Xunta de Galiza neste conflito, a quen lle recriminou a súa pasividade malia tratarse dun servizo público que cada día utilizan milleiros de persoas e de ser a administración galega quen determina as condicións económicas dos contratos. Lamentou a falta de actuación do Goberno galego para desbloquear as negociacións e o desleixo á hora de garantir un dereito como a mobilidade. “Parece non importarlle nada que a xente quede nas paradas sen servizo”, aseverou.
“Non pode ser que as condutoras e condutores teñen que pasar nove horas ao volantes e estar doce ou quince tirados polas paradas a disposición das empresas”, denunciou o representante da CIG.
Outra das reivindicacións para este convenio refírense á necesidade de avanzar na dignificación das condicións do persoal acompañante do transportes escolar. Un colectivo altamente feminizado e precarizado “que sufre contratos miserentos de 114 minutos, xornadas que non se computan na súa totalidade e que incluso ten que pór cartos dos seus petos para traballar porque non teñen nin o transporte gratis para as liñas nas que traballan”.
López Rei foi moi crítico tamén co papel da Xunta de Galiza neste conflito, a quen lle recriminou a súa pasividade malia tratarse dun servizo público que cada día utilizan milleiros de persoas e de ser a administración galega quen determina as condicións económicas dos contratos. Lamentou a falta de actuación do Goberno galego para desbloquear as negociacións e o desleixo á hora de garantir un dereito como a mobilidade. “Parece non importarlle nada que a xente quede nas paradas sen servizo”, aseverou.
Por iso, instou a intervención da Xunta tanto para garantir que os traballadores e traballadoras teñen condicións dignas como para que a cidadanía poida dispor con normalidade deste servizo público.