Seguimento masivo na folga do persoal de Esteve Teijin contra a precarización laboral e os incumprimentos na atención
Traballadores e traballadoras de Esteve Teijin están secundando este luns a primeira das xornadas de folga en resposta aos incumprimentos da empresa en materia laboral, aos despedimentos arbitrarios e para denunciar as deficiencias na asistencia que se presta aos e ás pacientes. Para dar visibilidade á súa loita, o persoal manifestouse esta mañá en Compostela dende o centro que a empresa ten na Avda. Barcelona até o Hospital Clínico. Para o vindeiro luns está convocada unha nova xornada de folga, mais desta volta a mobilización será en Pontevedra.
Cómpre lembrar que Esteve Teijin ten adxudicado o servizo de terapias respiratorias a domicilio nas áreas sanitarias de Santiago-Barbanza, Vigo e Pontevedra-O Salnés e presta aproximadamente 25.000 tratamentos a doentes con distintas afeccións respiratorias, como EPOC, apnea do sono ou enfermidades musculares que afectan á respiración. Porén, dende que se fixo co contrato en novembro de 2020, a empresa está incumprindo de maneira reiterada o prego de condicións tanto no número de traballadores/as, como a respecto das condicións laborais e do servizo que se presta ás e aos pacientes.
O secretario da CIG-Industria de Compostela, Benedicto Blanco, explica que estes incumprimentos xa foron trasladados ao SERGAS, a quen se lle solicitou tamén unha xuntanza, sen que até agora a administración "teña concretado día nin hora". Blanco denuncia a pasividade do SERGAS cando estamos a falar dun servizo público polo que se pagan millóns de euros a unha empresa privada, e cando os propios pacientes se están queixando pola deficiente atención recibida.
Só entraron os servizos mínimos
Sobre o desenvolvemento da xornada de folga, Blanco salientou un seguimento do 100%, xa que só acudiron a traballar aquelas persoas nomeadas como servizos mínimos. Neste senso, lembra que Esteve Teijin continúa sen contratar o persoal necesario para cumprir coas ratios establecidas no prego de condicións, pois debería contar con 136 profesionais, pero neste momento só ten 77.
E non só iso, senón que a finais de xaneiro despediu a cinco traballadores e traballadoras por motivos disciplinarios despois de abrirlle expedientes sancionadores, acusando o persoal de faltas graves que non xustificou.
A representación do persoal advirte que a empresa recorre a este tipo despedimento para sortear as sancións económicas recollidas no prego de condicións por cada profesional que haxa de menos do estipulado no contrato. Á sobrecarga de traballo pola falta do persoal necesario súmase que a empresa non cubre as baixas, as vacacións ou os permisos.
Neste senso, a representación social denuncia que a empresa pretenda tirar proveito económico dun servizo público recortando persoal, sobrecargando os traballadores e traballadoras e non respectando as condicións mínimas marcadas polo convenio do sector (o de industria química) no relativo aos desprazamentos, ás dietas ou á categoría profesional.
Incumprimentos na prestación do servizo
Todo isto ten unha repercusión directa na atención que se presta ás e aos pacientes e, polo tanto, no seu estado de saúde. Incidindo nesta cuestión, advirten que a empresa toma decisión de maneira unilateral que non respectan os protocolos establecidos nas indicacións do persoal facultativo do SERGAS e dos fabricantes dos equipos.
E mesmo comezou a obrigar os/as pacientes a quen se lle prestaba servizo no seu domicilio, a acudir de maneira ambulatoria o centro Respiratoria Esteve Teijin Asistencial (denominado pola empresa CRETA), nalgúns casos tendo que desprazarse máis de 50km dos seus domicilios.