Seguimento masivo da folga xeral nas Pontes en demanda dunha transición xusta, alternativas industriais e na defensa do emprego
Polígonos, comercio e hostelaría permaneceron sen actividade mentres miles de persoas se mobilizaban en Madrid
As Pontes vive este mércores unha xornada de folga xeral na defensa do emprego, para esixir alternativas industriais que doten de futuro a comarca e para reclamar a Endesa que achegue propostas e que se involucre na busca de medidas que minimicen o impacto económico e laboral que terá o peche da central. Hoxe a actividade no comercio, a hostalería e os polígonos está completamente parada (nin sequera se traballou nas obras de adaptación de central), as Administracións funcionan en servizos mínimos e as aulas dos colexios ficaron baleiras.
Nesta exitosa xornada de folga, centos de veciñas e veciños partían pouco despois das nove da mañá cara a Madrid en once autobuses, aos que se sumaron os autocares procedentes de distintos concellos galegos e doutras localidades do estado afectadas polo peche das térmicas, e as ducias de persoas que se trasladaron nos seus vehículos particulares ou en tren. Ademais, uns 130 camións xa saíran o martes a primeira hora da tarde destino Madrid, onde agardaron polo resto da caravana para mobilizarse diante do Congreso.
Previamente, un piquete informativo despregouse dende as seis da mañá para comprobar o grao de seguimento do paro, nunha vila hoxe caracterizada pola falta de actividade en todos os sectores, con industrias e comercios pechados e sen apenas movemento nas rúas. A única nota discordante foi a oficina do BBVA, que abriu con normalidade para sorpresa de todos e todas. De feito, para mañá está convocada unha concentración, ás 13 horas, diante desta oficina para amosar o rexeitamento a esta actitude de esquirolaxe.
Exemplo da necesidade de mobilizarnos
Por volta das catro da tarde, miles de persoas comezaban a encher os arredores do Congreso dos Deputados e das Deputadas, custodiado por un numeroso dispositivo policial, portando faixas en demanda dunha transición enerxética xusta, en defensa do emprego e pedindo alternativas que doten de futuro industrial ás Pontes e a súa comarca. De xeito paralelo, realizábase unha concentración diante do casa do Concello das Pontes na que, malia a intensa choiva, participaron unhas 500 persoas.
Na concentración de Madrid participaron tamén o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, e o secretario comarcal da CIG-Ferrol, Manuel Grandal. Carril salientou o enorme éxito desta xornada de folga "que é un exemplo da necesidade de mobilizarnos para conseguir unha transición xusta e que non faga pagar a Galiza as consecuencias do proceso de descarbonización da economía sen ofrecer ningunha alternativa, despois de décadas de espolio dos nosos recursos".
O secretario xeral da CIG destacou que esta folga xeral supón un paso máis no camiño da defensa do noso tecido produtivo e do seu futuro ante a grave crise da industria que atravesa Galiza e que ameaza con converternos "nun verdadeiro deserto industrial" se non logramos reverter este proceso.
Transición que non deixe atrás a comarca
No marco da mobilización en Madrid, o denominado "comité de crise" mantivo encontros con varios representantes dos grupos políticos para explicar a situación dramática na que queda a comarca ante o peche da central e demandar unha transición ordenada e xusta acompañada de alternativas industriais á parada produtiva da central.
De igual xeito, demandouse dos grupos que esixan de Endesa, mentres non se clarifique o escenario no que van quedar as instalacións, un compromiso en firme co seu persoal propio e co persoal das súas auxiliares e co proceso de reindustrialización da comarca, ao que, por certo, está obrigado polo peche da central.