Seguimento masivo da folga xeral de Ferrolterra para esixir políticas de industrialización e investimentos que doten de futuro as comarcas
A folga xeral convocada nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal neste 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, foi todo un éxito e rexistrou un seguimento masivo, con polígonos industriais e o naval paralizados, sen actividade nas grandes empresas como Inditex ou Indipunt, co transporte urbano e as administracións en mínimos, sen que saíra a recollida de lixo, ou coas confrarías, o comercio e hostalería pechados.
"Estas comarcas necesitan que esta folga sexa un éxito", salientaba o secretario da CIG de Ferrol, Manuel Anxo Grandal, pouco antes de arrancar a manifestación na que participaron milleiros de persoas en demanda de "políticas e investimentos que nos permitan ter futuro". Unha marcha que discorreu por toda a estrada de Castela até a Porta Nova e que recibiu o apoio de traballadores e traballadoras de grandes industriais que tamén están en loita, como Alcoa San Cibrao, Alu Ibérica da Coruña, Ferroatlántica ou Celsa Atlantic, evidenciando deste xeito a grave crise industrial que atravesa Galiza.
"Estas comarcas non poden seguir nesta situación de morrer aos poucos. O goberno estatal e a Xunta teñen que actuar", aseverou Grandal, quen puxo o acento na dependencia económica que Ferrol ten do sector naval, aínda que "os estaleiros están nese momento sen ningunha carga de traballo". Por iso, unha das peticións máis urxentes das organizacións convocantes da folga (CIG, CCOO e UGT) é que se dote de novos pedidos a Navantia na Ría de Ferrol, "algo que depende de decisións políticas"; ao igual que depende da vontade política a modernización dos estaleiros, potenciar Carenas e Turbinas, que as instalacións de Fene non acaben sendo un simple almacén para a eólica mariña ou que se constrúa o novo e longamente demandando dique.
Xunto a isto, o secretario da CIG-Ferrol referiuse ás consecuencias que o proceso de transición enerxética ten na comarca, nomeadamente na zona das Pontes, con Endesa decidindo o peche da central térmica, mais sen asumir ningún tipo de responsabilidade social ou ambiental e sen ofrecer alternativas nin garantías de continuidade do emprego. "A transición enerxética ten que ser xusta, non se pode dar un proceso que na práctica sexa unha nova reconversión para estas comarcas, con destrución de postos de traballo e máis pobreza".
Responsabilidade dos gobernos estatal e galego
A este respecto, Grandal puxo énfase na agudización da pobreza que rexistra a comarca e a falta de oportunidades para a xente moza, "que se reflicte nos índices demográficos". A modo de exemplo, sinalou que as inscricións de crianzas de menos de tres anos en Ferrol descenderon este ano en 100 nenas/os, con respecto ao ano anterior. "Iso dá idea de cal é a nosa situación".
Sobre o fracaso das políticas e programas executados nas últimas décadas, Grandal foi claro: "a industria en Ferrol perdeuse. A deslocalización de empresas aquí deuse a pasos axigantados e de maneira moito máis escandalosa que noutras áreas do país, porque moitas das empresas que se montaron viñeron subvencionadas cos famosos plans ZUR, ZIR, Ferrol etc.; plans industrias que ao final só serviron para engordar con cartos públicos os petos de empresarios piratas, que en canto viron oportunidade noutro lugar, pecharon as portas. Non necesitamos máis políticas para atraer especuladores do diñeiro, senón asentar tecido produtivo duradeiro e que xere emprego estábel e con dereitos".
Unha xornada de loita nunha data senlleira
Precisamente, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou no piquete da mañá e na manifestación, salientou que esta folga se convoca nunha data senlleira para o movemento obreiro, especialmente en Ferrol. "Coa convocatoria de folga neste 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, contribuímos, como sempre entendemos no sindicalismo nacionalista, da mellor maneira, cunha xornada de loita e mobilización".
Esta convocatoria, engadiu Carril, "ten que supor un antes e un despois na resposta que temos que dar ante a crítica situación que vivimos en Ferrolterra, pero que non deixa de ser un exemplo ilustrativo da grave crise que temos en todo o noso país".
Unha crise que xa se arrastraba previamente á pandemia, e que ten nas comarcas do norte de Galiza "o epicentro da necesidade de reclamar políticas alternativas para esixir unha saída galega xusta da crise e que se poña en marcha de inmediato un plan galego de industrialización, na liña do proposto pola CIG, que poña fin a emigración e a emerxencia social e laboral".
Carril apuntou así mesmo ao enorme grao de responsabilidade do goberno español e da Xunta, tanto por acción como por inacción, e acusou ao goberno de Feixoo de estar "máis preocupado de satisfacer os intereses de grandes empresas nun momento no que se anuncian investimentos millonarios, pero non para xerar, emprego, industrialización e un cambio na situación tan crítica que ten o noso país".