Seguimento masivo da folga comarcal da Mariña para esixir políticas que dean futuro á comarca
Industrias sen actividade, polígonos parados, centros de traballo e colexios baleiros, comercios, hostelaría e servizos pechados e administracións en mínimos son algunhas das imaxes que deixa este mércores o seguimento masivo da folga xeral convocada na Mariña para esixir políticas de industrialización, investimentos, infraestruturas e servizos públicos. Unha xornada na que arredor de 15000 persoas demandaron nas rúas Burela solucións ao berro de "Futuro para A Mariña" durante a manifestación convocada polas organizacións sindicais, como acto central deste día de loita.
As organizacións convocantes CIG, UGT e CCOO cuantifican o seguimento do paro comarcal en practicamente o 100%, malia os abusivos servizos mínimos decretados pola Xunta e os intentos de desmobilización por parte dos goberno galego e español. Unha xornada que Xorxe Caldeiro, responsábel da UL da CIG da Mariña, valorou como "histórica" e na que a comarca volveu demostrar a súa capacidade de mobilización e de loita.
Unha comarca rica pero abandonada
Caldeiro salientou que tanto na folga como na manifestación participaron todos os sectores económicos da Mariña dende o persoal das industriais, do mar, do agro, dos servizos, da administración pública, até autónomos/as, comerciantes, pequenos empresarios e empresarias e estudantes. Denunciou que aínda que A Mariña "é unha comarca rica en recursos, motor industrial da provincia, con dous dos portos pesqueiros dos máis importantes do país, un inmenso potencial forestal e agrogandeiro, con estaleiros, piscifactorías e serradoiros "hoxe temos que saír as rúa protestar polo que non temos, polo que nos negaron durante décadas e polo que nos queren quitar".
Referiuse o responsábel sindical á histórica falta de investimentos nas infraestruturas da comarca, ao deterioro progresivo do FEVE ou á negativa a liberar o dique de Alcoa, que podería ser o gran porto de mercadorías que precisa a comarca. "E xa non falemos das últimas mentiras do actual goberno do PSOE e Unidas Podemos, como o estatuto para as industrias electrointensivas ou a intervención de Alcoa pola SEPI".
Caldeiro criticou as declaracións da ministra de Industria que logo de ano e medio de mobilización incansábel da comarca e das sentenzas do TSXG e do TS, decatouse agora por fin de que Alcoa non ten intención de vender a fábrica, e aínda así segue rexeitando a intervención da factoría. "Desde aquí dicímoslle que botaremos a Alcoa e que as cubas non se paran nin se pararán, porque esiximos a intervención da planta de aluminio e imos conseguila. Esa é a solución: intervención xa!", aseverou.
Tampouco escatimou o representante da CIG as críticas á Xunta de Feixoo "ausente por vocación, que só sabe sinalar co dedo acusador a Madrid", mais sen asumir nin exercer as competencias das que dispón. Un goberno galego que cada día recorta máis servizos públicos na comarca, desmantelando o hospital de Burela e afastando os servizos administrativos da Mariña.
“Pretenden que sexamos unha colonia”
Especial atención puxo Caldeiro sobre outro conflito latente que exemplifica "o que pretenden que sexamos, unha colonia na que inzar montes e mar de muíños eólicos para exportar enerxía e levar os beneficios económicos, esnaquizando a nosa paisaxe e creándolle un novo problema á nosa flota pesqueira". Denunciou que se permita que esas mesmas empresas "que se enriquecen á nosa costa" pechen as industrias de compoñentes eólicos, como está a acontecer con Vestas. "Os compañeiros e compañeiras de Vestas non se venden por unhas indemnizacións, porque o que queren é postos de traballo na nosa comarca, queren traballar e non emigrar. Por iso berramos que Vestas non pecha".
O responsábel da Unión Local da CIG da Mariña rematou a súa intervención enviando un recado aos gobernos municipais e ás formacións políticas da bisbarra: estamos fartas e fartos de contos, non chega con mocións aprobadas por unanimidade, o que se vota aquí hai que defendelo en Madrid e en Santiago. Por iso estamos hoxe aquí e por iso volveremos as veces que faga falta, porque se algo sabemos é que A Mariña deféndese loitando".
Carril insta os gobernos a atender o clamor popular e actuar
Na mesma liña, o secretario xeral da CIG, que tamén fixo parte na xornada de folga, considerou que hoxe vólvese demostrar a contundente resposta da Mariña contra unha situación consecuencia das políticas dos gobernos e das decisións dunhas empresas que actúan con total impunidade. “Os gobernos deben tomar nota porque non poden seguir agardando máis a tomar decisións que resolvan a falta de infraestruturas e a crise industrial acelerada que vive a comarca”, valorou.
Neste senso, engadiu que “o clamor popular que xa foi dando resposta aos conflitos de Alcoa e de Vestas ten que ter unha resposta inmediata e decidida por parte dos gobernos español e galego” e considerou que a situación que atravesa A Mariña é un exemplo extremo da crise industrial e social que padece toda Galiza. Mais tamén, apuntou, “é unha demostración da incompetencia dos gobernos que actúan contra a maioría da clase obreira e das maiorías sociais, senón non se entende que decisións que non dependen de grandes acordos de goberno, senón de dar resposta ao que se reclama nas rúas, como é a intervención pública en Alcoa ou a derrogación da reforma laboral”.
Unha reforma que, malia as promesas do PSOE e de Unidas Podemos, continúa plenamente vixente, facilitando os plans de despedimento e deslocalización de empresas como Vestas “último exemplo da crise industrial que se vive na comarca e que esixe que dos gobernos accións”.