Seguimento maioritario na segunda xornada de folga do persoal do Concello de Cariño pola aprobación da RPT

As traballadoras e traballadores municipais manifestáronse para exixir condicións laborais e salariais dignas
Cariño - 25 Feb 2026

O persoal municipal do Concello de Cariño continúa adiante coas mobilizacións para reclamar a aprobación da Relación de Postos de Traballo e que se respecten os seus dereitos laborais e salariais. Logo das numerosas mobilizacións realizadas nos últimos dous meses e ante a falta de propostas e de negociación por parte da Alcaldía, este mércores o persoal secundou unha nova xornada de folga -que terá continuidade no día de mañá- que rexistrou un seguimento de practicamente o 100% entre o persoal laboral.

Ademais, para visibilizar e socializar a súa loita entre a veciñanza, as traballadoras e traballadores manifestáronse esta mañá dende O Sagrón até a Casa Consistorial, onde deron lectura a un comunicado.

Incumprimento da sentenza xudicial

Lembran que a RPT é un instrumento técnico organizativo que inclúe todos os postos de traballo do Concello, facilita cubrir as necesidades actuais da organización en canto a postos de traballo, estabelece as funcións de cada posto e as retribucións salariais -que se calculan valorando estas funcións-, e facilita prestar os servizos públicos determinados en cada administración.

No Concello de Cariño, o persoal leva máis de 18 anos intentando que se saque adiante unha nova RPT e xa hai unha sentenza xudicial (a raíz da reclamación presentada pola CIG) que obriga a esta administración a negociar e aprobar este documento. Porén, dende o mes de maio non se volveu reunir a mesa negociadora, polo que o pasado mes o xulgado dirixiuse novamente ao Goberno municipal para coñecer o estado da execución da sentenza.

“O Concello incumpre a resolución xudicial, o seu deber de negociar e condena o persoal, sobre todo ao que está nas categorías máis baixas, a unhas condicións de auténtica precariedade”, critican. Aclaran que unha gran parte das traballadoras e traballadores do Concello de Cariño cobra o Salario Mínimo Interprofesional ou unha cantidade próxima a este, “e nin sequera se lle aplica a suba do 2,5% acordada para o persoal empregado público porque estes incrementos son absorbidos pola suba do SMI”.

Non se actualizan condicións nin se repoñen efectivos

Advirten que a falta de RPT impide repoñer os postos de traballo que non se estabilizaron e convocar novas prazas. Isto provocou que nos últimos anos, se pasase dun cadro formadado por preto de 70 persoas a contar con menos de 50, “polo que os traballadores/as teñen que asumir maior carga de traballo, especialmente as auxiliares de Servizo de Axuda no Fogar e os operarios de servizos, realizando unha cantidade de horas extraordinarias que vai en detrimento da súa saúde”.

Alertan que esta precariedade salarial e laboral na que se atopan as traballadoras e traballadores, especialmente o persoal laboral e o persoal funcionario que pertence aos grupos máis baixos, “está a ter consecuencias. Hai quen está pensando en renunciar ao traballo e outras persoas, directamente, renunciaron, como recentemente fixeron a bibliotecaria e a traballadora social”.

Novos orzamentos para unha RPT xusta

Por todo isto, pídenlle á alcadesa, Ana María López (PP), “que poña solución a estes problemas, que convoque mesas de negociación (a última celebrouse o 7 de maio de 2025), que presente propostas dignas que permitan chegar a un acordo, e que aprobe unha RPT xusta para todo o persoal, porque as palabras e as intencións, sen propostas, non teñen ningún valor”.

Nesta liña, volven demandar a aprobación duns orzamentos que faciliten sacar adiante a RPT, pois “cos orzamentos prorrogados do ano 2020 dificilmente se pode aprobar unha RPT xusta”. “Non queremos que se utilicen estas contas coma escusa para facer unha RPT escasa e inxusta. O Concello non pode estar eternamente cos orzamentos prorrogados do ano 2020 porque non é viábel e é imposíbel afrontar as retribucións salariais de 2026 coas partidas de 2020”, aseveran.

A folga continuará no día de mañá, xoves, sumando xa o terceiro día de paro, e ademais o persoal xa ten convocada unha nova cazolada para o martes 27 de febreiro, diante da Casa do Concello ás 11:45h.