Seguimento maioritario na primeira xornada de paros en Vitrasa coincidindo coa semana europea da mobilidade
O cadro de persoal de Vitrasa está a secundar hoxe maioritariamente a primeira xornada de paros parciais indefinidos convocados para forzar a empresa e o Concello de Vigo a buscar unha solución ao conflito laboral aberto tras os reiterados incumprimentos da dirección en materia laboral. Dende o comité de empresa da concesionaria chaman a cidadanía a participar na manifestación prevista para este venres 22 de setembro dende o cruzamento dos Choróns ás 19:00 horas.
A representación dos traballadores/as valora positivamente o seguimento dos paros desenvolvidos de 07:30 a 09:00 horas e de 12:30 a 15:30 horas e agardan unha resposta similar no que terá lugar de 19:30 a 21:00 horas. No caso de sábados, domingos e festivos a medida de presión afectará a franxa horaria que vai das 19:00 ás 21:00 horas. Estes primeiros paros coincidiron coa celebración da semana europea da mobilidade.
“Lamentamos que os cidadáns non poidan dispoñer dun servizo público de calidade debido á negativa de Vitrasa a calquera negociación e á sorprendente inacción do Concello de Vigo” sinalan dende o comité. Ao tempo que chaman a toda a veciñanza da cidade a participar na manifestación que prevista para este venres día 22 ás 19:00 horas, con saída dende o cruzamento dos Choróns e remate na praza de Compostela. A mobilización coincidirá coa primeira xornada de folga de 24 horas das que ten previstas a representación do cadro de persoal.
Finalmente, dende o comité felicitan o alcalde por conseguir a suba do IPC para corporación municipal nuns poucos meses, “mentres os traballadores/as de Vitrasa levamos case tres anos co noso soldo conxelado pola negativa da empresa a negociar un novo convenio colectivo”.