Seguimento maioritario no primeiro día de folga por un convenio digno no siderometal ourensán
A primeira xornada de folga no sector do siderometal da provincia de Ourense para reclamar un convenio colectivo digno está a ter un seguimento maioritario, con numerosos piquetes informativos nos polígonos industriais e coas principais empresas sen actividade. Para este xoves 29 está previsto un novo paro de 24 horas e unha manifestación que sairá do Edificio Sindical ás 12:00 e que rematará diante da sede da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO).
A labor dos piquetes informativos comezou xa ás 22:00 horas da pasada noite tras manter unha asemblea organizativa previa no salón de actos do Edificio Sindical, dende onde partiron para distribuírse por polígonos industriais e empresas con quenda de noite.
Dende a CIG-Industria de Ourense salientan que moitos dos empregados/as que se atopaban traballando decidiron abandonar os seus postos e mesmo se sumaron aos piquetes, como tamén aconteceu esta mesma mañá a partir das 5:00 horas. De feito, consideran significativo que os propios/as asalariados/as de Taller Mecánico Alemán, compañía do presidente de ATAVE, unha das patronais do sector, optasen tamén por deixar de traballar e por participar no piquetes.
Como consecuencia da folga -a primeira convocada no siderometal ourensán de xeito conxunto en 22 anos-, o sector da automoción permanece practicamente sen actividade e as principais empresas pecharon as súas portas: GRI Towers, Egatel, Mecanizados Rodríguez Fernández, Ambulancias Rodríguez López, como tamén boa parte dos concesionarios de venta de vehículos.
Folga indefinida
Coincidindo coa nova xornada de paro prevista para mañá xoves 29 as centrais CIG, CCOO e UGT convocaron unha manifestación, que arrincará do Edificio Sindical ás 12:00 horas e rematará diante da sede da CEO. Dende as organizacións sindicais lembran que a folga pasará a ser indefinida o vindeiro mércores 5 de outubro no caso de que as partes non pacten un convenio colectivo digno que permita pechar o conflito.
Un conflito ao que os traballadores/as se ven abocados/as pola actitude da patronal, cuxa última proposta está moi afastada das reivindicacións da parte social e malia "o esforzo que fixemos na última reunión para tentar chegar a un acordo e evitar o conflito; pero o empresariado non se moveu nin fixo contraoferta, limitando a suba salarial ao 4% para os distintos anos de vixencia do convenio (2022-2024)", segundo explica o secretario comarcal da CIG-Industria de Ourense, Indalecio Gómez.
Esta contía non garante nin sequera o mantemento do poder adquisitivo, tendo en conta que o IPC de agosto xa superou o 10% e a previsión é que continúe á alza. "Neste escenario de medre da carestía da vida, a patronal quere aproveitar a suba de prezos para incrementar os seus beneficios", denuncia.
Fronte a esta suba de miseria, as centrais sindicais demandan un incremento do 6,5% para os anos 2022 e 2023, e do 5% para o ano 2024, cunha cláusula de revisión salarial, e que os atrasos se perciban dende o 1 de xaneiro. Xunto a isto, piden un día máis de libranza sen consolidar para 2022 e un día a maiores para cada un dos seguintes anos, estes si consolidados.