Seguimento maioritario na primeira xornada de folga parcial no ensino concertado malia os servizos mínimos

O persoal manifestouse nas delegacións territoriais da consellaría de Educación e diante da Xunta, para reclamar a homologación laboral e a apertura de negociacións na mesa tripartita
Nacional - 09 Set 2026

O ensino concertado arrincou hoxe o curso escolar con paros parciais de 9 a 12 horas, en demanda de melloras salariais e do horario lectivo; o abono da paga extraordinaria de antigüidade, recortada hai 17 anos; a aplicación da xubilación parcial sen restricións; o mantemento do emprego e melloras para o PAS. Coincidindo coa folga celebráronse concentracións nas capitais das provincias e máis en Compostela, diante dos edificios administrativos da consellaría de Educación.

Segundo explica Henrique García, responsábel de Ensino Privado da CIG-Ensino, esta xornada de folga é consecuencia “da calada por reposta do responsábel da Consellaría, Román Rodríguez ante as múltiples accións reivindicativas levadas a cabo no curso pasado e comezo deste”.

Entre outras, García salienta escritos reivindicativos das seis organizacións con representación no sector, concentración e peche na Consellaría en San Caetano, caravanas de coches reivindicativas nas Delegacións territoriais de Educación, boicots ao conselleiro en actos públicos ou o envío de correo masivo polo persoal traballador tanto ao conselleiro coma ao director xeral de RRHH.

O responsábel do sector advirte que esta acción terá continuidade en máis xornadas, tal e como manifestou o persoal traballador na rúa, que representa a 7.000 docentes en toda Galiza. 

Chamada de atención á consellaría

As seis organizacións sindicais representativas do sector e o persoal traballador que secundou a folga parcial, chamaron a actuar con responsabilidade ao conselleiro, Román Rodríguez, para que deixe de converter a Consellaría de Educación nunha auténtica “fábrica de conflitos” e cambie o rumbo das súas políticas educativas, abrindo negociacións na Mesa Tripartita do ensino concertado e deixando de ser meramente informativa.

Neste sentido, Henrique García exixiu que “mire de verdade pola calidade do ensino en xeral en Galiza sen antepoñer fins economicistas e deixando a propaganda esaxerada da que abusan”. 

As organizacións sindicais convocantes tamén quixeron mandar outro recado ao presidente, Alfonso Rueda, o verdadeiro responsable da situación de precariedade laboral e salarial, así como da conflitividade laboral e xa non só no sector do ensino, senón tamén no resto de servizos públicos: sanidade, menores, discapacidade, infantil 03, maiores, SAF... e outros moitos. 

Do mesmo xeito dirixíronse ás patronais da concertada, para que tomen nota das reivindicacións pois tamén teñen responsabilidade, máis cando se está a negociar o convenio do sector en Madrid. 

Sobre os servizos mínimos decretados: 1 do equipo directivo, 1 PAS e o 20% de docentes e o 20% de persoal complementario, García indicou que foron impostos “sen negociación e con total imposición”. Cualificounos como “abusivos, desproporcionados e inxustificados” e lembrou que “a folga é un dereito fundamental e a Consellaría conculca este dereito con criterios moito máis restritivos que os impostos o xuño pasado nos C.E.E.  pola folga na discapacidade, menores e infantil 03, así como nas seis xornadas de folga do ensino público do curso pasado”.

Principais reivindicacións 

- Acordo do complemento de equiparación salarial de 2008 e de redución da xornada lectiva.

- Pago da PEA ( paga extraordinaria de antigüidade), deixada de aboar dende fai 17 anos, así como complementos de certos cargos, dinamización linguistica, coordinacións, titorías,...

- Novo acordo de xubilación parcial, que deixa fóra a moitos compañeiros e compañeiras con parte da súa xornada en pago privado, así como un novo AME (acordo mantemento emprego), xa que o Acordo de Recolocación non garante manter todos os postos de traballo.

- Estabelecer complemento salarial autonómico para o PAS, que dignifique os seus salarios.