• Nova

Seguimento maioritario na 1ª xornada da folga indefinida para esixir un acordo de empresa digno en Jofrasa

A compañía fai o servizo de limpeza no complexo de Alcoa San Cibrao
Cervo - 01 Dec 2021

As traballadoras e os traballadores de Jofraas (auxiliar que realiza os servizos de limpeza industrial na factoría de Alcoa San Cibrao) acordaron iniciar folga indefinida dende hoxe, mércores 1 de decembro, para esixir un acordo que regule as condicións de traballo. A primeira xornada de paro está rexistrando un seguimento maioritario (supera o 80%), a pesar das presións de mandos intermedios da empresa para tratar de boicotear a folga, especialmente entre o persoal eventual, con ameazas de non renovacións de contrato ou despedimentos.

Para o responsábel de CIG Servizos da Mariña, Xoán Díaz, con estas manobras a empresa está tratando de vulnerar o dereito lexítimo do persoal a secundar unha folga, algo que resulta "grave, polo que estudaremos as medidas a tomar ao respecto”. Neste senso, para as delegadas da CIG en Jofrasa “esta práctica é algo que aínda nos dá máis folgos para loitar. Se hai presións é porque ven que por fin o persoal está decidido a defender os seus dereitos, e cando se chega a ese punto até que se chegue a un acordo xa non pode haber marcha atrás”.

O piquete informativo apostouse diante da entrada da fábrica dende ás 6 de mañá e das 7 até ás 10horas, o persoal desenvolveu unha concentración na que aproveitou para explicar ao resto de compañeiros e compañeiras da empresa principal e das auxiliares os motivos da folga e pedirlles a súa solidariedade.

Meses de negociacións sen chegar a acordo

Dende o pasado 3 de novembro o persoal está realizando concentracións todos os mércores diante da fábrica, coincidindo coa entrada de mañá da quenda ordinaria, pero ante a falta de avances nas negociacións con Jofrasa, decidiron intensificar as medidas de protesta e ir á folga indefinida até lograr un acordo que recolla melloras sociais e económicas e que estas sexan para o conxunto do persoal.

Jofrasa e as delegadas/os do persoal  (2 da CIG e 1 de UGT) levan meses negociando un acordo de empresa que regule as súas condicións de traballo da limpeza da factoría de Alcoa en San Cibrao, xa que actualmente, o convenio que se lles está a aplicar é o de limpeza de edificios e locais que "se ben cita a limpeza de industrias, para nada está pensado nin desenvolto para tal", valora unha das delegadas da CIG, Julita Souto.

Explica que o persoal de Jofrasa, ademais da limpeza de todas as instalacións, tamén se encarga da limpeza de varios compoñentes do propio proceso produtivo e froito dese tipo de traballos, téñense que establecer unha serie de reténs que son susceptíbeis de ser chamados en caso de necesidade da empresa principal. Este tipo de flexibilidade laboral non está recollida no convenio provincial da limpeza.

A este respecto, Mila Orosa (CIG) aclara que “nós non negamos que a particularidade do noso centro de traballo esixe unhas condicións diferentes ás que recolle o convenio, pero entendemos que esas particularidades deben ser negociadas e postas negro sobre branco para saber a que axustarnos en cada momento”.

Logo de varios meses e varias reunións coa empresa, mesmo con pequenos avances en materia social, as negociacións están encalladas no económico. Un estancamento que non se entende cando a propia Jofrasa ten asinado acordos ou convenios de empresa cunhas condicións económicas moi superiores á que pon enriba da mesa para o persoal destinado en San Cibrao. Para Xoán Díaz “non se pode permitir que, en pleno século XXI, nun mesmo complexo industrial, coas dimensións e características do que estamos a falar, siga existindo unha enorme fenda salarial entre este persoal con respecto ao resto de empresas auxiliares e da empresa principal, é inconcibíbel que se tente perpetuar certas actividades a ser actividades de segunda”.

Ambas delegadas coinciden ademais en sinalar que están fartas de ser as “cincentas” do complexo industrial, e que se algo demostrou a pandemia é que a limpeza é un sector esencial, imprescindíbel e xa vai sendo hora que tamén se recoñeza iso salarial e laboralmente.