Seguimento maioritario da folga indefinida no Diario de Pontevedra por un convenio digno
A folga indefinida que hoxe comezou no Diario de Pontevedra para reclamar un convenio colectivo digno está a rexistrar un seguimento maioritario entre o cadro de persoal, que permaneceu concentrado diante das instalacións do xornal tras realizar unha asemblea a primeira hora da mañá.
As partes intentaron até o último momento chegar a un acordo que evitase o paro, pero finalmente non foi posíbel porque a dirección continúa a facer ofertas insuficientes. De feito, na última xuntanza, celebrada onte pola noite, “deixou moi claro que non quere nin escoitar falar da cláusula de revisión salarial”, denuncian dende a CIG, que preside o comité de empresa.
Ademais, a suba de soldos proposta segue a ser “irrisoria”, sobre todo tendo en conta que os salarios non se actualizan dende 2015, o que supón unha perda de poder adquisitivo que supera o 22% tras as distintas subas do IPC. “A actual inflación coloca as empregadas/os nunha situación límite en moitos casos”, lamentan.
Estas e outras cuestións foron abordadas na asemblea de traballadores/as que se celebrou a primeira hora de hoxe, na que por interferencia da empresa tamén se votou se finalmente se facía efectiva a convocatoria de folga, xa que no encontro participaron tamén algúns integrantes da dirección. Un total de 34 votos foron favorábeis a iniciar a folga, mentres que a opción contraria unicamente rexistrou 8 apoios, polo que a convocatoria seguiu adiante.