Seguimento do 100% na primeira xornada de folga en Navec
O 100% do cadro de persoal de Navec está secundando este venres a folga convocada en demanda do cobro das súas nóminas e para exixir garantías na continuidade dos empregos. Dende ás sete da mañá, os traballadores e traballadoras concentráronse nas portas da refinería da Coruña, xa que a maioría do persoal que a empresa ten en Galiza (unhas 60 persoas) se dedica a facer tarefas de mantemento no complexo industrial de Repsol.
Para dar máis visibilidade á súa loita, e aproveitando que moitos compañeiros e compañeiras doutras auxiliares se achegaron á porta da refinería no hora do bocadillo, o persoal realizou unha pequena manifestación dende a entrada do complexo até a rotonda de Meicende ao berro de "Navec non paga, Repsol consinte" “Non aos despidos, queremos solucións” .
Neste momento, explica a CIG-Industria, o persoal ten sen cobrar parte do salario de setembro e hai unha incerteza absoluta sobre o pago das próximas nóminas e a continuidade dos empregos, xa que a empresa está en concurso de acredores dende o pasado 27 de setembro e o administrador comunicou a súa intención de iniciar os trámites dun ERE de extinción para todo o grupo Navec.
Materializarse o expediente de regulación suporía para as e os operarios unha incerteza con respecto ao dereito á subrogación e marchar para a casa coa mínima indemnización que recoñece a lexislación laboral.
Diante disto, os traballadores/as acordaron iniciar mobilizacións e convocar esta primeira xornada de folga á que lle seguirán novos paros o martes 22 e o xoves 24 de outubro. Ademais, de non darse solucións inmediatas, a folga podería adquirir carácter indefinido.
Responsabilidade da principal
A CIG-Industria sinala a responsabilidade de Repsol neste conflito e exíxelle que actúe con dilixencia sacando a concurso o servizo de mantemento, "porque do contrario este persoal está condenado ao desemprego". A este respecto, a central sindical reclama que se garanta de maneira efectiva a subrogación que os traballadores/as teñen recoñecida no convenio colectivo do metal da Coruña para que a liquidación de Navec non lles supoña perder os seus dereitos laborais.
"Estes traballadores e traballadoras prestan servizos para Repsol e realizan tarefas imprescindíbeis na refinería; por iso a contratista non pode consentir que queden no paro a causa da nefasta xestión empresarial da súa contrata. Repsol é a responsábel de garantir que se respectan os dereitos laborais e salariais do persoal subcontratado", asevera a CIG-Industria.
A CIG, que ostenta a maioría do comité, está en comunicación coa administración concursal e persoada no xulgado do mercantil de Tarragona para seguir o desenvolvemento do proceso e velar para que se respecten os dereitos do persoal.