Sefi Romero reelixida secretaria nacional da CIG Banca, Aforro, Seguros, Oficinas, Centros de Chamadas e TIC
A federación de Banca, Aforro, Seguros, Oficinas, Centros de Chamadas e TIC da CIG celebrou esta mañá o seu IX Congreso, ao que concorreu unha única candidatura encabezada por Sefi Romero Álvarez, que foi reelixida secretaria nacional con 110 votos a favor e 1 brancos. No proceso, desenvolto baixo o lema “Sempre na loita, conquistando dereitos, construíndo soberanía”, escolleuse á nova Executiva federal e aprobouse o Informe de Xestión da Executiva e máis os relatorios nos que se marcan as liñas de traballo que guiarán a acción sindical da federación nos próximos catro anos.
A Executiva federal, á que tamén concorreu unha única lista, foi elixida por 111 votos a favor, 0 brancos e 0 nulos e queda conformada polas seguintes persoas:
- Sefi Romero Álvarez
- Sergio Toucedo de la Peña
- Mª Teresa Freire Hermida
- Alexandre Espinosa Menor
- Carmen García González
- Patricia Cordo Ares
- Alberto Alonso Carballo
Para o Consello Confederal resultaron elixidas as seguintes persoas, con 111 votos a favor, 0 brancos e 0 nulos:
- Sefi Romero Álvarez
- Xabier Blanco Gradín
- Patricia Cordo Ares
Romero chama a desenvolver "toda a nosa capacidade mobilizadora"
Na súa intervención no acto de clausura, xa reelixida como secretaria federal, Sefi Romero destacou o incremento tanto de afiliación como de representación, que exixe do sindicato “un maior compromiso"; mais tamén dispor dunha visión global para enfrontar o complexo contexto actual, cunha marcada ofensiva do capital e chamados ao militarismo, un goberno español que mantén vixentes os aspectos máis lesivos das anteriores reformas laborais, e un goberno galego “nefasto para a clase traballadora galega”.
Neste contexto, instou “manter a nosa folla de ruta, desenvolvendo toda a nosa capacidade mobilizadora en todos os aspectos que atinxan á clase traballadora galega, na procura dun modelo máis xusto e solidario”. Porque, engadiu Romero, tal e como reflicte o lema do Congreso, “somos o sindicato que se mobiliza en defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores deste país, ao tempo que reclamamos a nosa soberanía para que non decidan por nós, para negociar os nosos convenios”.
“A CIG somos todos e todas, as decisións son colectivas e o protagonismo debe ser das persoas que están a sufrir as inxustizas e agresións. Non debemos caer na tentación de converternos nun sindicato de xestión como outros, o noso é a rúa e aí temos que continuar. Só desde esa perspectiva poderemos seguir diferenciándonos e alargando a nosa base, coa responsabilidade de ser o sindicato maioritario no noso país”, aseverou a secretaria nacional.
Ante os retos a confrontar “contra un capitalismo neoliberal e fascista que só busca apropiarse do noso traballo”, defendeu a loita colectiva, con implicación, organización e solidariedade. “Ese é o camiño e nese camiño seguiremos”.
O secretario xeral anima a ter máis atrevemento na acción sindical
No acto de clausura deste IX Congreso tamén participou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen incidiu na necesidade de intensificar a loita e a mobilización, mellorar a acción sindical "e ter máis atrevemento e decisión para a conquista de dereitos e conseguirmos políticas alternativas ante os gobernos e a patronal".
Neste camiño chamou ao reforzo organizativo, "fundamental para o noso modelo sindical, que só pode existir se hai un permanente compromiso militante, se somos un sindicato vivo internamente, superando funcionamentos burocratizados e garantindo o protragonismo da clase obreira". A participación e a democracia, engadiu, son elementos que debemos fomentar "se queremos seguir medrando e transformar a realidade".
Carril situou estes obxectivos no actual contexto económico, político e social, no que a ultradereita e o fascismo avanzan, "cobra máis importancia o modelo sindical que representamos e defendemos, de confronto e combativo, pero tamén con alternativas e propostas concretas".
Un período de intensa loita e novos retos
Ao longo da mañá, as persoas delegadas tamén debateron e votaron o Informe de xestión da Executiva saínte, que resultou aprobado con 109 votos favor, ningún en contra e ningunha abstención. No documento, defendido por Sefi Romero, saliéntase a consolidación da federación da CIG como primeira forza sindical e o medre na afiliación, que se incrementou un 13,55% dende o ano 2022.
O informe fai un repaso pola acción destes últimos catro anos e os retos que supoñen as novas fórmulas de prestación de servizo como o traballo a distancia e a irrupción da intelixencia artificial, con maior incidencia nos sectores laborais que atenda a federación: banca, centros de chamadas, TIC, oficinas etc.
Por actividades, no sector financeiro o traballo sindical centrouse na demanda dunha suba salarial que permitise recuperar o poder adquisitivo, na denuncia das elevadas presións comerciais sobre o persoal, cada vez máis acusadas, e na redución constante da atención presencial á clientela baixo a escusa dunha dixitalización forzada. A CIG tamén se mobilizou e trasladou ao Ministerio as súas consideracións a respecto da OPA do BBVA sobre o Banco Santander, polas consecuencias que tería no emprego e por afondar aínda máis na concentración que xa sofre o sector na Galiza.
No informe abórdanse os cambios que está sufrindo o sector dos centros de chamadas, que en Galiza destruíu, segundo os cálculos da federación, preto dun millar de empregos dende 2022, a causa, principalmente, das deslocalizacións. Esta práctica patronal motivou os principais conflitos no sector e levou a unha marcada acción sindical na defensa dos postos de traballo, xunto coa loita por un convenio colectivo digno que rache coa precariedade laboral e salarial e co obxectivo de camiñar cara un convenio galego.
A irrupción da Intelixencia Artificial impacta de cheo no emprego no sector das TIC, que tamén veu neste período como as grandes empresas pasaban de fomentar o traballo a distancia a obrigar o persoal a unha presencialidade de case o 100%. A loita por acadar un marco galego de negociación nun sector que en Galiza emprega a 24.000 persoas e que está conformado por empresas con beneficios estratosféricos, ou as achegas ao plan director do clúster das TIC, foron outros dos eixos que marcaron a acción da CIG nestes anos.
A demanda de convenios dignos e a defensa dunhas condicións salariais e laborais xustas tamén focalizaron a acción sindical en sectores tradicionais da federación como as enxeñerías e oficinas técnicas, no sector os seguros e mutuas e nos convenios provinciais de oficinas e despachos.
Relatorio de Organización e de Acción Sindical
No Relatorio de Acción Sindical (108 votos a favor, ningún en contra e ningunha abstencións) e no de Organización (97 votos a favor, ningún en contra e ningunha abstención) recóllense as liñas de actuación para enfrontar os retos nas relacións laborais ante a implantación masiva do teletraballo, a irrupción da IA, a extensión da precariedade e a pobreza a través das novas fórmulas de contratación, as deslocalizacións ou ofensiva para afondar na centralización da negociación colectiva. Reafírmase tamén o compromiso coa igualdade a diversidade, coa saúde laboral e a defensa da nosa lingua.
Para isto, faise un chamado a reforzar a organización interna, colectivizando as propostas e implicando tanto á representación sindical nas empresas como ao conxunto da afiliación; seguir a incrementar a representatividade e a afiliación; reforzar as seccións sindicais como órganos de participación directa e democrática na vida do sindicato; e unha praxe sindical transparente, combativa e asemblearia.