“Se tocan a unha tócannos a todas!”
Delegados/as sindicais da CIG e traballadores/as mobilizáronse hoxe diante dos Xulgados de Vigo coincidindo co xuízo por acoso laboral a unha traballadora por parte da empresa farmacéutica Lonza do Porriño.
O secretario comarcal da CIG-De Vigo, Alberto Gonçalves, tomou a palabra ao remate da concentración para deixar moi claro que a central sindical vai a chegar “até o final” para defender os dereitos da afectada “e de todas as persoas afiliadas que padezan acoso pola súa labor sindical”.
Gonçalves lembrou que aínda que a empregada non é representante sindical “é a voz da CIG na empresa” e ten intentado en varias ocasións montar candidatura para as eleccións ao comité.
Deste xeito, cando regresou ao seu posto de traballo tras unha excedencia forzosa por cargo público a empresa comezou a cambiala de posto continuamente e a encargarlle funcións propias de categorías laborais inferiores ás dela. Por iso na central sindical entenden que se trata dunha “clara represalia” e sinalan directamente a responsábel de recursos humanos.
Diante disto, o responsábel sindical incidiu en que a CIG vai facer todo o que estea nas súas mans, tanto a nivel xurídico como de accións sindical, para que este tipo de actuacións non queden impunes, “porque se tocan a unha tócannos a todas”.
Finalmente, a traballadora afectada dirixiuse a todas as persoas presentes para agradecerlles o seu apoio e a súa solidariedade.