“Se non se producen avances no convenio das ITV teremos que convocar mobilizacións”
As estacións galegas da Inspección Técnica de Vehículos (ITV) van camiño do conflito laboral, xa que tras sete meses negociando o convenio colectivo a empresa continúa dilatando o procese e non se move practicamente da proposta inicial, que as centrais sindicais consideran insuficiente. Un dos representantes da CIG na mesa negociadora, e presidente do comité de Pontevedra, considera que o persoal verase na obriga de convocar mobilizacións se a dirección non cambia de actitude e non se producen avances nas vindeiras xuntanzas.
Rodrigo Fragueiro denuncia que SyC Applus, a empresa concesionaria deste servizo en Galiza, insiste en demorar o acordo, até o punto de que estivo dous meses para trasladar unha contraoferta, “e cando o fixo era peor que a anterior”. En consecuencia, en máis de medio ano de conversas só se achegaron posturas a respecto da comisión paritaria e da contratación fixa descontinua.
Os principais atrancos seguen a ser cuestións referentes á xornada (a parte social reclama a eliminación da obriga de traballar os sábados pola mañá, pero a compañía négase); e aos días de libre disposición (“queremos que sexan remunerados e non recuperábeis”). O cadro de persoal demanda tamén a redución das diferencias salariais entre categorías, que na actualidade ascenden ao uns 7000 euros ao ano, e a consolidación da gratificación de convenio como unha terceira paga extra.
Outras reivindicacións pasan por mellorar as licenzas e o complemento de IT por continxencias comúns do 90% dende o primeiro día. “Ademais, solicitamos que se cumpran os 24 días de vacacións que figuran no convenio de referencia, que é o de industrias siderometalúrxicas da provincia da Coruña, equiparar o plus de quendas a todo o persoal, tanto das naves como de oficina (na actualidade hai 150 euros ao mes de diferencia), evitar discriminacións entre persoal administrativo e das naves á hora de elixir as vacacións e mellorar as condicións do persoal desprazado nas ITV móbiles”.
Recuperar poder adquisitivo
En canto á suba salarial, a intención dos traballadores/as das ITV é recuperar o poder adquisitivo perdido en convenios anteriores, que cifran nun 2,3%. De xeito que a súa proposta de suba de soldos é un incremento lineal do IPC máis un 3,8% en 2024 sobre o salario da categoría máis alto de taller, incluíndo ademais unha cláusula de revisión salarial.
Consideran esta proposta totalmente asumíbel, tendo en conta que segundo as últimas contas presentadas pola empresa en 2022 obtivo un beneficio neto de máis de 21 millóns de euros só en Galiza. E hai que ter en conta que o grupo SyC Applus conta con máis de 23.000 empregados/as en arredor de 70 países.