"Se non se potencian todas as áreas e non hai financiamento, o futuro dos estaleiros da ría de Ferrol está condenado"

A sección sindical da CIG denuncia o abandono e o boicot da dirección de Navantia
Ferrol - 20 Nov 2020

As seccións sindicais da CIG en Navantia Fene e Ferrol compareceron esta mañá en rolda de prensa para denunciar o abandono da dirección de Navantia, a quen acusan de boicotear e torpedear as potencialidades das diferentes áreas dos estaleiros da Ría, hipotecando deste xeito o seu futuro. Para a representación da CIG é o momento de reivindicar carga de traballo, mais tamén os investimentos para a posta en marcha do estaleiro 4.0 e o novo dique, e unha aposta política clara  polo desenvolver actividades como turbinas, carenas ou as enerxías renovábeis, cun enorme potencial de negocio.

"Creemos que este momento é importante porque se están elaborando os orzamentos, pero tamén porque vemos como a nivel europeo por parte de moitos países se van investir millóns de euros nos estaleiros no marco dos fondos da covid e tamén haberá importantes inversións para a transición enerxética. Non podemos perder esta oportunidade, porque doutro xeito, Navantia Ría de Ferrol quedará hipotecada e discutida fortemente de cara ao futuro", advertía Marcelino Amado durante a rolda de prensa telemática, na que estivo acompañado por Xoán Rico, da sección sindical da CIG en Navantia Fene.

Sen dique novo non hai futuro para Carenas

Amado lembrou que a CIG leva anos demando un novo dique, xa que esta infraestrutura é "irrenunciábel" para revitalizar Carenas, que neste momento, "a nivel de instalacións, está nunha situación límite". O investimento que suporía esta obra, engadiu, resulta moi cativo "con respecto aos beneficios que produce ao largo do tempo". E mentres noutros estaleiros de Europa hai unha importante carga de traballo nesta área, na ría de Ferrol "non só non se potencia senón ao contrario, incluso sindicalmente xa non aparece nas reivindicacións".

A medida da crítica situación de Carenas ofrécea o feito de que este ano vai entrar en perdas "algo inaudito dende hai décadas", e mentres que en Cádiz teñen carga de traballo abondo cos ferries e a reparación militar, na ría de Ferrol, só hai un barco até final de ano.

"É frecuente que se teñan que desbotar obras por falta de dique, pero esta obra é imprescindíbel, tamén de cara ás novas dimensións dos barcos mercantes (tipo Panamax). É necesario para poder seguir nun mercado no que é moi difícil entrar pero no que é moi fácil saír", alertou.

Turbinas minimizado até ser "un taller máis"

En situación similar está Tubinas, que pasou de estar como departamento propio xunto a sistemas e motores en Cartaxena, a ser un mero taller máis de Ferrol, que incluso a partir de xaneiro vai quedar sen departamento de calidade, algo propio de Turbinas polas súas características de materiais e tecnolóxicas.

"Non lles deixan pedir novas incorporacións, non teñen capacidade de enxeñaría para poder desenvolver as actividades, e mesmo teñen que pedir prestado persoal doutro departamento para resolver cuestións puntuais", explica o responsábel da sección sindical da CIG Navantia-Ferrol. Pero si realmente a dirección tivera  unha estratexia para potenciar esta área "tería que dotarse a Turbinas dun equipo comercial e técnico para afrontar campos como o de biomasa, e tratar de facer achegas no campo de enerxía eólica mariña pois non se están aproveitando as sinerxías con esta outra actividade da empresa". De feito, Amado critica que a dirección nin sequera apoia as accións comerciais ou de negociacións cos posíbeis socios tecnolóxicos.

Ademais, as inversións son mínimas e limitadas a labores de mantemento, pintado, tellado etc.; que se perdeu clientela progresivamente no departamento de posventa sen buscar unha alternativa, cando ofrece importantes posibilidades. "Incluso no mantemento de turbinas de gas, tanto para barcos militares como para civís, perdeuse o contrato que se tiña coa mariña, logo de formarse un equipo de varias persoas, con cursos en USA e Italia", lamenta.

Na actividade militar tampouco está segura a súa participación  en timóns, enfriadores, envoltas de turbinas etc. "Non hai un impulso dos proxectos a medio prazo como mecanizado de redutoras, plantas de biomasa, plantas de reciclaxe de residuos orgánicos, mecanizado de compoñentes de eólica mariña,... E tampouco se aproveitan as sinerxías con Carenas".

Fene corre o risco de converterse nun simple almacén

En canto á situación do estaleiro de Fene, a representación da CIG advertiu que a actividade de eólica mariña que se fai agora nas instalacións, sendo importante, "pode hipotecar o futuro e debe transitar cara a unha maior participación de Navantia en todo o proceso cunha  estratexia axeitada para meternos nas renovábeis, pero non só na eólica mariña, senón noutras alternativas como a mareomotriz". Neste senso, explicaron que Windar ten alugadas parte das instalacións pero os traballos que se realizan en Fene son de menor valor engadido que os que Windar fai en Avilés, as subestacións ou a parte superior das jackets, que son as tecnoloxicamente importantes.

"Agora mesmo hai unha petición por parte de Windar de aumentar o espazo para almacenamento, pero non de traer para Fene outro tipo de actividade con máis valor engadido", advertiu Xoán Rico, quen acusou a Navantia de imporse autolimitacións, unha vez levantado o veto a Fene.

 "Non é de recibo que se abandone a construción naval civil e que a alternativa sexa alugar chan para almacenar, sen ter unha estratexia para entrar no mercado de renovábeis. O momento é agora, non se pode comezar cando remate o traballo en 2022, xa sería tarde", asevera.

 

Abandono do proxecto de estaleiro co dique cuberto

En canto ás novas instalacións, denunciaron o abandono do proxecto de estaleiro co dique que había en 2017 , que se substitúe agora por un taller de subloques cunha inversión moi inferior. "Na reunión da semana pasada coa dirección de Ferrol deixáronnos claro que se vai facer o taller pero que o resto das instalacións volveron ao principio, están nas fases conceptuais do deseño e van con moita lentitude", salientou Marcelino Amado.

Pero ese investimento é vital para a supervivencia de Navantia na Ría de Ferrol e as novas construcións e hai que pelexar por conseguilo, especialmente logo de que a Mariña non aprobara o seu financiamento a través do programa das F-110. "É importante para poder competir en prazo e en prezo, non só para facer produtos para a mariña española, tamén para competir internacionalmente e de cara a ese proxecto europeo de fragata común, senón quedaremos facendo partes do barco, como un mero taller e non como un estaleiro", alertaron.

Levar as demandas á rúa

Por iso, a representación da CIG insta a externalizar este debate fóra dos estaleiros e a mobilizarse na rúa para presionar e conseguir o financiamento para as novas instalacións e o dique cuberto, e para que a dirección de Navantia (nomeada polo Goberno) avance nunha estratexia para potenciar todas as actividades e dotar de futuro os estaleiros.