"Se non nos pagan non imos limpar". A limpeza do Hospital da Coruña segue en loita polos seus dereitos
Traballadoras e traballadores da limpeza do Hospital da Coruña mobilizáronse por quinto día para exixir á empresa concesionaria do servizo, Acciona, que aplique xa as melloras retributivas e de redución da xornada anual pactadas para o persoal do SERGAS e as súas contratas.
A protesta, como vén sendo habitual, iniciouse ás portas da Xerencia, situada no edificio do hospital de doentes, e ao berro de "se non nos pagan non imos limpar", o persoal saíu en manifestación arredor do hospital portando os seus instrumentos cotiás de traballo: fregonas, vasoiras, carros da limpeza, limpa cristais, plumeiros etc.
De regreso ao punto de partida, membros do comité e representantes sindicais entraron nas oficinas da dirección para reclamar unha xuntanza co xerente e demandarlle a súa intervención, tendo en conta a responsabilidade do SERGAS no cumprimento das obrigas das súas contratas. O xerente accedeu á reunirse coa representación social, comprometéndose a tratar esta problemática coa empresa.
Así as cousas, as traballadoras e traballadores xa teñen programada unha nova mobilización para o mércores da próxima semana e advertiron que non cesarán até que Acciona cumpra co estabelecido no acordo de melloras. Hai que lembrar que a empresa pretende absorber tanto os incrementos salariais como a redución da xornada anual cunhas melloras que o persoal da limpeza do HUAC xa ten recoñecidas por sentenza xudicial dende hai unha década.
Pero isto, denuncian as delegadas e delegados da CIG, non é cumprir co acordo, senón vulnerar os dereitos das traballadoras e traballadores, mais cando noutros servizos da limpeza hospitalaria tamén adxudicados á Acciona non están tendo estes problemas.