“Se eu tivese agredido a alguén en Madrid ese día a xente reaccionaría, e acabaría esposado e sentenciado”
Miguel Uclés é delegado da CIG no servizo de bombeiros do Concello de Vigo e presidente da Plataforma de Bombeiros Públicos de Galiza. Este sábado participou, xunto a outros compañeiros/as galegos/as, na mobilización convocada en Madrid pola Coordinadora Unitaria de Bomberos Profesionales para reclamar unha lei marco estatal que regule a todos/as os bombeiros/as do Estado, pero sen invadir competencias autonómicas nin limitar a autonomía local.
Ao remate da manifestación, na que tamén visualizaron as súas reivindicacións para os bombeiros de Vigo, cando regresaba para o seu vehículo vestindo unha camiseta reivindicativa e portando unha pancarta e bandeira da patria recollidas, foi agredido ao berro de “independentista de mierda”. A CIG amosa a súa enérxica condena a este tipo de actos e solidarízase co compañeiro afectado.
Como sucedeu a agresión?
Cando rematou a marcha reivindicativa, sobre as sete da tarde, dirixíame cara a miña furgoneta para deixar unha pancarta e a bandeira galega porque quedara cuns compañeiros/as para tomar algo cando unha persoa, que ía acompañada doutras catro, mirou para min rindo. Entón pensei que sería alguén que participara na manifestación ou que me coñecía, pero sen dicirme nada achegouse e deume un puñazo.
Logrei esquivalo e non me deu na cara, pero impactoume no pescozo e caéronme as lentes ao chan. Agacheime para recollelas e foi cando me deu varios puñazos e patadas en distintas partes do corpo. Mentres me golpeaba berrábame “Independentista de mierda”, “Fuera de aquí” e “Hijo de puta”. Aínda que non tiñan estética neonazi, os seus insultos denotan a súa ideoloxía. Tería sobre uns 30 anos, e pola forma de pegar notábase que ía ao ximnasio, porque era coma se practicase cun saco.
Por que cres que te golpearon?
Penso que o que máis lles chamou a atención foi a camiseta, que é vermella e ten uns dos lemas que utilizamos na nosa loita contra a explotación laboral e a falta de persoal no servizo se bombeiros de Vigo: 'Vigo sen bombeiros non é segura'. É unha camiseta moi rechamante, e ademais levaba unha pancarta e a bandeira da patria recollidas. Está claro que son persoas ignorantes e con pouco respecto polas liberdades e os dereitos fundamentais. Logo souben que pola zona houbo dúas manifestacións en defensa da unidade de España.
Cal foi a túa reacción?
Nun primeiro momento non entendía o que estaba a acontecer. Non quixen devolverlle a agresión, aínda que podería porque son bastante corpulento e sei defenderme. Pero a miña intención era que a xente que pasaba por alí naquel momento, que era moita porque me atopaba na Praza de Cibeles, fixera algo ao ver que me estaban agredindo.
Alguén te axudou?
Iso foi o peor de todo. Pedín axuda pero ninguén fixo nada. Houbo unha persoa que unicamente me dixo onde estaban as miñas lentes, pero nin mas colleu. Tiven unha sensación de abandono absoluto, de falta de empatía total, a xente nin se paraba, era coma se estivese no medio do deserto, coma se fose invisible.
Que pasou despois?
Seguiu pegándome ata que se cansou, porque como sei defenderme non lograba tombarme. Os seus compañeiros mantíñanse á expectativa como facendo un cordón, e eu tampouco quería darlles pé a que se meteran. Non me puxen agresivo, só lle dicía que me deixara en paz. Pregunteille se sabía quen era, díxenlle que son un bombeiro galego que viña dunha manifestación para reclamar melloras laborais, pero berroume que lle daba igual e que me fose de alí. A miña intención era que a xente se parase, quería ter testemuñas do que estaba a acontecer, pero ninguén fixo nada.
Presentaches denuncia?
Seguinos un rato pola rúa porque a miña idea era atopar un policía para contarlle o sucedido e que os identificase, pero todos/as os axentes estaban pendentes da manifestación e non atopei ningún. Fun detrás deles uns 300 metros e o que me agredira dábase a volta de cando en vez e dicíame “Qué quieres, más hostias?”. Pero ao pouco tempo saíron correndo e xa os perdín de vista. Despois volvín xunto aos compañeiros/as para contarlles o que sucedera, e a verdade é que non fun moi consciente da dimensión do tema até que o caso se viralizou a raíz de que un compañeiro o fixo público nas redes sociais.
Ademais esa mesma tarde tiven que saír cara a Sevilla para participar un curso, polo que non me parei nin a pensar que podía presentar unha denuncia. Pero non descarto facelo agora, porque estas cousas non deberan quedar impunes.
O que sucede en Catalunya pode ter algo que ver co que che aconteceu?
Totalmente. Temos un problema moi serio, atopámonos nunha calexa sen saída. Están a obrigarnos a posicionarnos, e se non o fas eres sospeitoso. Os medios de comunicación e certos partidos políticos sementan odio contra unha parte, e logo suceden estas cousas. A democracia só é posible dende o respecto. Vivimos nun Estado que está composto por distintas nacións, así que unicamente poderemos convivir se se respecta o dereito a decidir. Pero vivimos nunha democracia imposta, nunha transición infinita.
A nivel persoal, de que xeito che afectou a agresión?
O dano é máis moral que físico. En ningún momento vin perigar a miña integridade, porque pegaba sen sentido. Do contrario tería respondido á agresión. Pero o que é duro é ver que a xente non reacciona, que están a ver como te agriden e ninguén fai nada, nin se para. Iso é debido ao odio que están a inocular contra unha parte da sociedade. Se fose ao revés, se eu tivese agredido a alguén en Madrid ese día, seguro que reaccionaban. E con toda seguridade acabaría esposado e sentenciado.
Tiras algo positivo desta experiencia tan negativa?
Pois quédome coa solidariedade de moita xente, cos centos de apoios que recibín de compañeiros/as de profesión e de moitísimas outras persoas. E co feito de que o que pasou me reafirma aínda máis na necesidade de seguir a traballar, de continuar a buscar solucións para lograr unha sociedade máis xusta e igualitaria. Tamén me decatei de que nas grandes cidades as persoas están moito máis condicionadas polos medios de comunicación e polas mensaxes de odio de certa política.
Eu vivo no rural galego e non vexo nin a televisión, por iso non era moi consciente. Aprendín iso, que lle están a faltar ao respecto á xente desta maneira, manipulándoa. O resultado é que eu non podo defenderme como persoa, xúlganme sen coñecerme de nada. E o odio, a ignorancia e a violencia fan o resto.