“Se a Xunta non se implica de inmediato, Maderas Iglesias corre un grave risco”
Os representantes do persoal de Maderas Iglesias valoran a xuntanza co IGAPE desta mañá na delegación da Xunta de Vigo como “un retroceso” a respecto da anterior, decorrida en xuño, dado que non se materializou o posíbel acordo con investidores do que se informara na altura. Insisten en demandar a presenza do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde -ausente da reunión de hoxe- e que o goberno autonómico se implique na salvación da empresa “cumprindo o acordado no Parlamento Galego”.
Desde o comité de empresa aseguran que non se poden exixir máis sacrificios ao persoal, tras oito anos de conxelación salarial, demora no pagamento de nóminas e impago de salarios (a día de hoxe dúas pagas extra e máis a nómina de xullo), alén da aplicación de EREs -o último dos cales lograron reverter de 150 a 34 ceses-.
É por iso que, dada a imposibilidade da empresa por facer frente ás débedas, apelan aos compromisos adquiridos polo goberno autonómico para mediar e procurar saídas co obxetivo de lograr o mantemento da actividade.
“A pelota está no tellado da Xunta, que polo momento non está facendo nada”, declara Xulio Vicente, da CIG-Construción, que esixe o cumprimento do acordo parlamentar tomado en outubro de 2017 para procurar saídas á situación, que poderían pasar por activar os mecanismos para atopar novos investidores ou renegociar as débedas coas entidades bancarias.
Amosou, ademais, a súa perplexidade pola falta de información sobre o estado calamitoso da empresa referida polo director do IGAPE, quen indicou que retomará os contactos coa dirección.
Moral alta tras tres días de folga
A pesar de todas estas dificultades, o persoal continúa coa moral alta nun terceiro día de folga indefinida que está a obter un seguimento total. Hoxe, coincidindo coa xuntanza co IGAPE, concentrábanse diante da delegación da Xunta ao berro de “Juán Ramón, pufeiro, paga ao obreiro” e “Maderas Iglesias, solución”.
Na factoría traballan 200 persoas, na súa maioría mulleres, nunha actividade estratéxica para Galiza e cun grande peso na economía da comarca. “A Xunta ten que tomar cartas no asunto, porque este país non atura máis destrución de emprego”, declaran desde a FCM-CIG.
Nova concentración no cuarto día de folga
O persoal de Maderas Iglesias concentrarase diante do Concello do Porriño este venres 31 de agosto ás 12 horas coincidindo coa cuarta xornada de folga indefinida. Apelan a toda a veciñanza e representantes públicos/as dos concellos da bisbarra a que “acudan masivamente” a respaldar o futuro dos postos de traballo e demandar a implicación efectiva da administración autonómica.