Sanidade non garante o pago de salarios do persoal de Ambulancias do Atlántico, que irá á folga
Na xuntanza mantida o pasado venres entre altos cargos da Consellería, Sergas e 061 coa representación do comité de folga da CIG, CCOO e USO non se garantiu o abono dos salarios pendentes ao persoal de Ambulancias do Atlántico, concesionaria do servizo de transporte urxente en Vigo, Cangas e Moaña e do non urxente en toda a área sanitaria. En consecuencia, o persoal manterá as dúas xornadas de folga previstas para os días 2 e 3 de maio se antes deste mércores día 1 non perciben os soldos que se lles adebedan.
Os responsábeis autonómicos insistiron en que “non queren oír falar” de asumir a xestión directa do servizo público de transporte sanitario e manifestaron que o pago directo das nóminas por parte da Consellería non é unha opción viábel. En todo caso, calquera solución pasa por contar con outra empresa concesionaria que asuma o servizo.
Recoñeceron que a solución proposta pola Consellería a semana pasada de adiantar o diñeiro da facturación mensual ao empresario Carlos Simón para que puidese pagar as nóminas non era xa unha opción polo perigo de que o diñeiro volvese desaparecer das contas da empresa. Algo que xa advertiran os representantes sindicais.
Polo tanto, a única saída para o Sergas é a de intervir temporalmente a empresa Ambulancias do Atlántico mentres se pon en marcha un procedemento urxente de licitación para designar unha nova concesionaria que se faga cargo do servizo.
O procedemento de intervención pública consiste no nomeamento dunha persoa como interventora que será designada polo ente público para que actúe xestionando a empresa. Este proceso xa está acordado para o servizo urxente dende o pasado luns e a previsión da Xunta é que o nomeamento se faga efectivo hoxe mesmo. Sen embargo, para o servizo programado haberá que agardar até o 6 de maio.
Perda de tempo do Sergas
Representantes do comité de folga da empresa Ambulancias do Atlántico acusaron ao Sergas de perder un tempo crucial intentando negociar co empresario Carlos Simón e a súa contorna en lugar de iniciar de inmediato a intervención pública da empresa.
Pese á renuncia oficial efectuada por Ambulancias do Atlántico a todos os contratos públicos coa Administración e aos esforzos da Consellería de Sanidade de nomear a figura dun interventor público na empresa que poida dirixir os cartos do Sergas ao abono das nóminas do persoal traballador, non existen garantías de que isto poida ser así debido a situación de insolvencia da empresa.
Representantes de CIG, CCOO e USO teñen a sospeita fundada de que en canto o diñeiro público volva entrar nas contas da empresa será automaticamente dirixido ao pago dalgún embargo dada a situación actual de quebra económica. Compre lembrar que na actualidade Ambulancias do Atlántico adebédalle dous meses á Seguridade Social e ten impagos de centos de miles de euros con entidades bancarias, empresas de renting de ambulancias, subministradoras de combustible ou compañías aseguradoras, entre outras moitas.
Nova desaparición do propietario
Durante esta semana, tanto responsables da Consellería como representantes da empresa indicaron á representación de CIG, CCOO e USO que o empresario Carlos Simón volveu “marchar” abandonando as súas responsabilidades na xerencia da empresa, deixando un poder especial para a Administración a unha traballadora e nomeando ao seu irmán e tamén empresario Óscar Simón como único interlocutor válido da empresa. O seu irmán explicou que Carlos Simón volve a estar novamente fora de Galiza e que se atopa, unha vez máis, incapacitado para calquera toma de decisións.
Óscar Simón comunicou á Consellería de Sanidade que conta co seu compromiso persoal para facilitar o proceso de transición no cambio de empresa licitadora e para garantir o abono no pago de salarios, pero matizou que en ningún caso se poderá contar co seu compromiso patrimonial para estes fins.
A nova fuxida do empresario e o cambio de interlocutor na empresa, non lle dá ningún tipo de confianza nin de garantías á representación do persoal. De feito, non fai máis que empeorar as cousas posto que o tamén empresario de ambulancias, Óscar Simón, está a ser investigado dende marzo de 2023 polos Mossos d'Esquadra e a Garda Civil e interrogado pola Audiencia Nacional no marco dunha operación anticorrupción nas ambulancias catalanas por unha suposta alteración da licitación pública en Catalunya, cando era socio do seu irmán na mesma empresa.
Folga e ultimato á Xunta
O persoal traballador de Ambulancias do Atlántico acordou o venres en asemblea que a folga convocada para os días 2 e 3 de maio non se paralizará a non ser que a totalidade das nóminas de abril estean abonadas antes do día 1 de maio, tal e como esta acordado coa empresa concesionaria.
Advirten que a situación é totalmente insostible e que de non cumprir estes prazos enfrontaranse a unha folga “dura” con mobilizacións nas que contarán co persoal doutras áreas sanitarias que xa anunciaron a súa presencia en Vigo para colaborar de forma solidaria nas protestas.
Así mesmo, a concentración prevista para o vindeiro xoves 2 de maio diante da sede do Sergas en García Barbón non se cancelará aínda que o persoal cobre as súas nóminas, posto que os incumprimentos graves en material laboral así como outras débedas económicas continúan sen resolverse.
En previsión de que o conflito se estenda no tempo, as centrais sindicais de CIG, CCOO e USO comezaron dende onte a recadar cartos entre o persoal para a creación dunha caixa de resistencia que poida paliar o impacto económico das persoas traballadoras que secunden a folga.