Sanidade na Mariña: fuga de profesionais de enfermaría a outros territorios a causa da precariedade laboral
A CIG-Saúde convocou este martes unha asemblea aberta e participativa para o persoal de enfermaría do Hospital da Mariña para debater, analizar as causas e deseñar estratexias para mudar a situación crítica de falta de persoal nas listas de contratación. A esta situación, denuncian, chégase pola elevada precariedade laboral que padece o colectivo e que “está fomentada pola xerencia do hospital”.
O persoal, sinalan, “foxe” a outros territorios como Asturias ou Euskadi, “en busca dun futuro laboral mellor, onde asinan contratos de maior duración que garanten estabilidade”. Pola contra, a Dirección de Enfermaría do hospital mariñao, malia as demandas trasladadas en reiteradas ocasións pola central nacionalista, teima na súa política de contratación precaria: contratos por días, unha quincena ou como moito un mes. “E incluso nega que esta fuxida de profesionais, principalmente de enfermaría e fisioterapia, sexa por motivos laborais, sinalando que se as/os profesionais marchan será por motivos persoais”.
"Que acheguen solucións ou que dimitan"
Durante a asemblea, abordouse a falta estrutural de persoal, que provoca unha sobrecarga asistencial e impide garantir unha atención sanitaria de calidade; e a ausencia de recoñecemento profesional das traballadoras e traballadores por parte da Dirección de Enfermaría, “que en condicións precarias, día si e día tamén fan que o sistema se manteña en pé”.
Por iso, demandan da Dirección que atenda as reivindicacións sociais e achegue solucións “como máxima responsable da grave situación no distrito sanitario”. Desde a central nacionalista non descartan iniciar mobilizacións para reverter a situación actual e pedir o cese de Isabel Díaz Castro, Directora de Enfermaría do Hospital da Mariña.
Estrés permanente
As consecuencias desta política, advirte a CIG-Saúde, é que “a pesar de ter traballo, as/os profesionais non pode cubrir as necesidades básicas. O nivel de tensión dispárese. E nestas circunstancias ponse a proba a capacidade de resistencia psicolóxica da persoa implicada”. De feito, os expertos/as advirten do perigo de vivir sometido/a a niveis elevados de tensións, pero, sobre todo, do perigo de que esta situación perdure no tempo.
“É evidente a relación que existe entre a tensión intensa e duradeira no tempo con problemas diversos de saúde, tanto físicos como mentais, tales como dificultades para durmir, irritabilidade, depresión, dermatite, problemas dixestivos, cardíacos, etc”, explican desde CIG Saúde A Mariña.
Urxe tomar medidas
Para a central nacionalista para rematar coa precariedade laboral no SERGAS urxe tomar medidas, entre elas:
- A defensa dos postos de traballo, a defensa dunhas contratacións dignas, a defensa dunha oferta de emprego co 100% das vacantes reais de todas as categorías.
- Eliminación das taxas de reposición acordadas en Madrid polos sindicatos estatais, que impiden que se poida facer unha oferta de emprego público con todas as vacantes, é dicir, unha oferta de máis de 6.000 prazas no SERGAS e para todas as categorías.
- A negociación dun plan de estabilidade no emprego de verdade, no que se transformen en prazas vacantes todas as prazas estruturais cubertas, desde fai anos, con contratos eventuais.
- Unha nova orde de vínculos para que as persoas sexan contratadas pola causa que motivou o contrato, eliminando así que todo se contrate con acumulacións de tarefas.
- Un sistema de identificación de prazas que nos permita saber en cada EOXI os cadros de persoal reais: fixos, interinos, substitutos...