Sanidade impón servizos mínimos abusivos, superiores ao 53%, para a folga de Inspectores Farmacéuticos
Os sindicatos denuncian á Consellería por pretender establecer uns servizos mínimos que cualifican de “claramente abusivos”. Aseguran que o colectivo de Farmaceúticos Inspectores de Saúde Pública se sente dobremente discriminado, primeiro por ter unha estrutura deficitaria que reduce a capacidade de execución ante situacións de risco para a saúde, e segundo, por estes servizos mínimos impostos para xustificar un funcionamento que de xeito ordinario acostuma a desatender.
Aseguran que deste xeito impídese e redúcese o dereito a folga, na que só se deberían establecer o número mínimo de efectivos para cubrir as necesidades no caso de que existise algunha situación de risco inminente para a saúde pública. Ademais “actúa (a consellaría) como un piquete esquirol, presionando aos traballadores do Laboratorio de Saúde Pública de Lugo para realizar quendas de garda na fin de semana, que en circunstancias ordinarias non se realizan”, afirman.
Consideran “lamentábel” a actuación do goberno de Feijoo, que en vez de negociar co persoal inspector impón horas extras ilegais ao persoal do Laboratorio e denuncian que “a estratexia esgrimida pola Consellería, parece máis enfocada a afogar a folga que van levar a cabo os farmacéuticos, en demanda de reivindicacións xustas e xustificadas, que en velar pola Sanidade Ambiental do conxunto da cidadanía”.
Lembran que noutras situacións comprometidas para a saúde pública, a consellería de Sanidade “nunca fixera uso deste Servizo na fin de semana, comprometendo en moitos casos a saúde dos cidadáns”. E denuncian que “agora, diante dunha folga legal, pretende boicotela, primeiro con servizos abusivos e despois con practicas propias de esquirolaxe”.
Diante do posicionamento inamobíbel, adoptado pola Conselleria de Sanidade, as organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT denunciarán diante dos tribunais a fixación dos servizos mínimos abusivos e deproporcionados, impostos.