Sánchez: "O persoal de Xustiza segue coa folga e non está disposto a renunciar as súas demandas"
Despois de 35 días en folga indefinida (máis outras tres xornadas previas de paro), as traballadoras e os traballadores de Xustiza continúan con forza a súa loita, mantendo firmes as súas reivindicacións e mobilizándose a diario, a pesar da estratexia de desgaste "e as falsidades coas que a Xunta e o seu vicepresidente" pretenden confundir a opinión pública.
"Os traballadores as traballadoras seguen con ganas de seguir para adiante e non están dispostos a renunciar as súas demandas despois de tantos días de folga". Esta é a reposta que ofrece o persoal de Xustiza, logo da reunión do pasado venres coa administración na que, a pesar do cambio de persoa negociadora e das boas palabras, "as propostas da Xunta seguen sendo cativas".
Así o explica o responsábel do sector de Xustiza da CIG-Administración, Xesús H. Sánchez, quen acusa ao Goberno galego de pretender centrar o conflito nunha cuestión salarial, esquecendo os outros catro puntos da táboa reivindicativa. Neste senso, engade que na mesa de negociación do pasado venres, a Xunta comezou ofertando pequenas subas -diferenciando cantidades por corpos-, para logo ofrecer un incremento lineal de 105€, "que segue deixando as nosas retribucións por debaixo da media do estado".
"O que si ficou demostrado foi a mentira da Xunta sobre a imposibilidade de comezar a aplicar calquera incremento neste 2018", salienta. De feito, a administración asume que un 35% das cantidades ofertadas poderíanse cobrar neste ano. E lembra Sánchez que, na procura de chegar a un acordo, a representación sindical rebaixou as súas peticións "moito máis do que a Xunta subiu a súa oferta", pasando de demandar 225€ a 190€. Unha contía que nas asembleas celebradas estes días o persoal declarou non estar disposto a recortar máis.
No encontro pediuse tamén continuar negociando os outros catro puntos (IT, substitucións, amortizacións e consolidación de prazas), "pero disto non tocaron nada". No relativo aos descontos por enfermidade común, tras do acordo en Madrid, a representación social entende que non hai nada garantido, polo que demandan pechar un acordo que garanta que as e os traballadores da Xustiza de Galiza non van sufrir penalización por estar de baixa. En substitucións o único ao que se referiu á Xunta foi ao 'informe do catedrático', que agardan ter aínda para dentro dun mes. Sobre amortizacións e reforzos non se abordou nada.
Sen data para unha nova xuntanza
Para a representación da CIG resultou especialmente sorprendente que tras nove horas de xuntanza, a Xunta declinara continuar as negociacións durante a fin de semana, "sobre todo se temos en conta que, a diferenza das anteriores reunións, si se produciu un cambio de actitude por parte da administración e unha apertura ao diálogo". Por iso, apunta, "semella que a Xunta cambiou de negociador pero non de estratexia". Cómpre salientar que esa xuntanza non estivo presidida polo director xeral de Función Pública e por primeira vez contou coa presenza da Secretaria Xeral da Consellaría de Presidencia.
Porén, catro días despois, non está concretada unha data para un novo encontro, polo que, ao entender de Sánchez, a Xunta busca alongar a resolución do conflito, empregando unha estratexia de desgaste para cansar os traballadores e traballadoras e que abandonen as súas medidas de presión.
Fronte a isto, dende a CIG demandan á Consellaría de Xustiza que fixe xa unha nova data da mesa de negociación, que presente unha oferta económica acorde coas reivindicacións do persoal e que leve á xuntanza os documentos de peche dos catro puntos "nos que segue afirmando que existe un acordo".
Mobilizacións a diario
Os traballadores e as traballadoras continúan adiante coa folga e cada día máis convencidos/as de que manter as medidas de presión será a única vía para lograr acordos satisfactorios. Xunto ao paro xeral, o persoal desenvolve a diario mobilizacións por todo o país, que inclúen manifestacións, concentracións, e mesmo accións solidarias como a que hoxe levou a cabo o persoal de Lugo, que fixo entrega de máis de 300 kg de alimentos no Comedor Social San Froilán (imaxe que acompaña esta nova).