Sánchez: "A folga segue adiante e non tomaremos ningunha decisión até coñecer a proposta da Xunta e valorala co persoal"
Tiveron que pasar 22 días dende o inicio da folga indefinida para o que o máximo responsábel de Xustiza en Galiza, Alfonso Rueda, manifestara publicamente a súa disposición a sentar a negociar coa representación social. Porén, o conselleiro condiciona a súa participación nas negociacións a que se suspenda a convocatoria de folga, unha "chantaxe" á que dende CIG-Xustiza responden: non se levantará ningunha medida de presión até coñecer a proposta da administración galega para poder estudala e, a partir de aí, "consultar e decidir cos traballadores e as traballadoras que facemos".
A pesar do anuncio público, a última hora da mañá deste mércores o comité de folga aínda non recibira ningunha comunicación por parte da Consellaría, que, segundo as informacións na prensa, debería vir acompañada dunha nova proposta económica. En calquera caso, Sánchez insiste en que o comité non adoptará ningunha decisión sobre a suspensión da folga até coñecer a oferta da Xunta e sometela á valoración do persoal. "Non fixemos este enorme esforzo para agora ceder á chantaxe do conselleiro, que ademais segue intentado culpabilizar as traballadoras e traballadores pola situación do conflito".
A Xunta non acepta a mediación
Neste senso, o secretario da CIG-Xustiza lembra que dende o inicio do conflito a representación social demandou a presenza do conselleiro na mesa de negociacións, como responsábel máximo desta administración, mais a petición non foi atendida en ningún momento. De igual xeito, Sánchez subliñou que o comité de folga nunca se negou a seguir negociando e proba disto é que por dúas veces se instou á mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, a última vez, o luns desta semana.
"A presidenta do CGRRLL xa nos comunicou a súa disposición a mediar e a trasladarlle á administración a convocatoria para unha xuntanza, pero até agora non recibiu a conformidade da Xunta, pois a mediación non é obrigatoria". Engade Sánchez que, até o momento, o único ámbito no que se produciron avances foi no marco da mediación co Consello Galego Relacións Laborais, "que a Xunta abandonou de maneira unilateral".
Dende entón, todas as xuntanzas resultaron infrutuosas, chegándose a producir un retroceso nos cativos puntos de encontro, grazas en boa parte á intervención "incendiaria" do director xeral de Función Pública, quen non dubidou en emprazar os traballadores e traballadoras de Xustiza a emigrar de Galiza se non estaban contentos/as.
A folga segue a ser masiva
A prepotencia amosada polo Goberno do PP dende o inicio do conflito e as terxiversacións constantes sobre as reivindicacións da parte social, non fixeron máis que aumentar o malestar e o cabreo das traballadoras e traballadores, prolongar a folga e que cada día se suspendan en todo o país centos de xuízos e procedementos. "Mais as traballadoras e traballadores seguimos con forza e firmeza mantendo a folga", asevera, apuntando que estes días comezan a chegar os descontos nas nóminas polos días de paro.
Así as cousas, o seguimento da folga nestes mércores segue a ter unha incidencia masiva e a participación nas mobilizacións tamén é maioritaria. No marco do calendario acordado para esta semana, o persoal realizou hoxe unha manifestación polas rúas de Pontevedra e mañá está prevista unha marcha na Coruña e en Vigo.