Salvar Barreras!

Manuel Mera - 15 Xul 2021

Dúas empresas do sector naval están en perigo, como son Vulcano e Barreras, unidas historicamente ao desenvolvemento industrial e demográfico de Vigo, facendo desta cidade a máis povoada e dinámica de Galiza. Tampouco se pode esquecer que os seus traballadores/as tiveron un papel moi destacado nas mobilizacións contra a ditadura franquista, moi especialmente na convocatoria de folgas e accións de protesta fronte a salvaxe represión contra os operarios da Bazán o 10 de marzo no Ferrol.

E sobre todo, que foron vangarda da folga xeral de dúas semanas en setembro de 1972 en Vigo. Feitos todos eles que fortaleceron ideoloxicamente o movemento obreiro galego e deron azos ao nacemento do sindicalismo nacionalista e de clase.

Hoxe ambos estaleiros están a pasar por unha situación de estrema dificultade na que, para alén das boas palabras respecto de hipotéticas solucións, todo indica que se a mobilización sindical e popular non o impide poden terminar pechando. Utilizando o paso do tempo e o deterioro da situación que iso implica, así como o debate das competencias entre administracións, como escusa para non facer ren para salvar Barreras (será este o guión?).

No caso de Vulcano empregouse a renovación da adxudicación pola Autoridade Portuaria dos terreos que permiten acceder á ría como argumento para impoñer ese tempo morto. Se esa foi a estratexia para lle dar outra finalidade aos terreos tanto do porto como do novo empresario (deposito de contedores+vivendas de luxo) hai que recoñecer que ademais tivo unha axuda inestimábel (falta de presión sindical, merca do estaleiro por unha empresa cun investimento débil, unha actitude pasiva tanto da Xunta como do Governo central e o concello botou balóns fóra).

Mais, nesta pequena reflexión, quérome centrar na situación de Barreras, porque como se resolva o seu futuro marcará o que pase con outras empresas estratéxicas en situación semellante na Galiza, que non son poucas nesta conxuntura de rápidas transformacións, pola forzada recomposición do capitalismo (situación ecolóxica, avances tecnolóxicos, confrontación entre potencias, etc.) e o que isto implica na correlación de forzas, e polo tanto no reparto da renda e do traballo.

A actual propietaria traspasoulle á consultora Kroll a responsabilidade da venda ou liquidación do estaleiro, que conta hoxe cun cadro de 142 persoas, que serían enviadas a un ERTE, por falta de carga de traballo e evitando unha maior acumulación de gasto e débeda. Deste xeito afástase Ritz Carlton da conflitividade e da mala sona que vai orixinar o peche ou unha venda cun cadro de persoal mínimo. Cómpre lembrar que cando esta empresa ten carga de traballo o cadro de persoal multiplícase, superando o millar de operarios/as.

En todo caso, que se concretase a liquidación sería una decisión pola vía dos feitos para frear a contestación sindical, social e política (e neste aspecto encaixa co ERTE como paso previo ao ERE). Que este sexa o obxectivo final tamén casa con que o paso se dese en período de vacacións e co feito de que o cruceiro Evrima fose enviado a un estaleiro de Santander a completar todo o proceso de construción. Mentres que unha venda sería máis doada se Barreras estivese activa, aínda que fose cunha construción ou reparación menor.

Coa vía da liquidación tamén encadra a solicitude do proceso concursal, dado que seica a empresa ten débedas superiores aos 50 millóns. Mesmo así, aínda quedan abertos os dous camiños: concurso e liquidación de Barreras (ou dos terreos?); ou un acordo entre as partes para recuperar a empresa e pagar a prazos as débedas (bancos, auxiliares, armadoras).

Agora ben, estas poderían ser as follas de ruta planificadas pola dirección da empresa, nas que o peche definitivo do estaleiro ten máis boletos, aínda que o transporte comercial internacional estea en plena recuperación polo rebote despois da crise. De todos os xeitos, a alternativa que se impoña dependerá tamén en boa medida, e como en procesos de desmantelamento anteriores no noso país, da mobilización sindical e social e da firmeza das institucións. Non abonda con declaracións, aínda que as mensaxes sexan necesarias para socializar o problema e crear un estado de ánimo favorábel á mobilización.

Polo tanto teñen unha grande responsabilidade no que aconteza tanto a Xunta de Galiza como o Governo central, que debían salvar a empresa mediante a nacionalización (unha iniciativa deste tipo serviría como presión diante da dirección para que puxese todos os medios para garantir a continuidade). Por certo, o que está a suceder neste sector e noutras empresas amosa que a xestión privada non é mellor que a pública, máxime tendo en consideración as medidas de apoio económico e de tipo fiscal.

A postura da CIG en Barreras, como noutras empresas, é un exemplo de cal debe ser a resposta sindical fronte ao proceso de desmantelamento empresarial. Propostas, mobilización, negociación, mobilización, negociación... Ou sexa, utilizar as armas máis poderosas coas que conta o movemento obreiro: o seu peso numérico e a súa capacidade de loita. Por mágoa, unha parte importante do sindicalismo, e que ademais ten unha representación decisiva neste estaleiro, está no derrotismo, apuntándose sempre ao escenario menos conflitivo, aínda que a pasividade conduza ao precipicio como hipótese máis factíbel. A batalla nunca está perdida até o final. Cómpre salvar Barreras!

https://obloguedemera.wordpress.com/

[Vigo, 15 de xullo de 2021]