Rusia, Ucraína e a xeoeconomía: A paz e a guerra volvéronse sinónimos

Roberto Lampa - 23 Nov 2022

Como imaxinar escenarios futuros, unha vez terminada a guerra de Rusia con Ucraína? No debate europeo -que inclúe progresistas e conservadores-, a aliñación coa OTAN e os seus valores occidentais fan sentir que a paz e a guerra se volven sinónimos, que Ucraína pode gañar aínda cando perda, que Rusia poida perder aínda cando pareza gañar. E máis aló dos prognósticos, de que maneira unha nova serie de crise das débedas soberanas acabarán por atinxir de maneira nefasta na clase traballadora global.

 En 1999, o daquela ministro do exterior alemán Joshka Fischer foi humillado durante a conferencia anual do seu Partido Verde cun globo recheo de pintura vermella que lle estoupou na cara: a vinganza dos militantes fronte ao seu apoio á guerra da OTAN contra Iugoslavia. Hoxe, 23 anos máis tarde,  mesmo Partido Verde –un partido poshippie cuxo militante medio se podía recoñecer, durante moitas décadas, pola súa irredutíbel fe pacifista, ademais de polo abuso de sandalias Dr. Scholl’s rigorosamente calzadas con medias brancas– ameaza cunha crise de goberno o chanceler socialdemócrata Scholz que se resiste a enviar armas de destrución e tanques a Ucraína. A paz, explican os novos dirixentes verdes, faise coa guerra e a destrución física do inimigo ruso. Si vis pacem para bellum: ‘se queres a paz prepárate para a guerra’ dicía Vegetius, un alto aristócrata romano coñecido polo seu belicismo extremista e por inspirar, séculos despois, os ideólogos do fascismo italiano. Uns mil seiscentos anos máis tarde, semellante aforismo resume o pensamento reseso e reaccionario do Partido Verde, un tempo situado á esquerda radical e fundado, entre outros, polo inesquecíbel líder do 1968 alemán e intelectual requintado Rudi Dutschke.

 Lamentabelmente, o caso alemán é representativo dunha tendencia máis xeral do debate europeo que afecta tanto aos progresistas -que se volveron uns fanáticos belicistas- como aos conservadores: todos unidos detrás da bandeira da OTAN, en nome dos “valores occidentais”. Desa forma, a paz e a guerra volvéronse sinónimos, Ucraína gaña aínda cando perde, Rusia perde aínda cando gaña, as sancións económicas funcionan aínda se non están a funcionar, Zelenski é un heroe sen mancha fotografado coa súa loura muller na capa de Vogue a pesar de que apenas en outubro de 2021 era capa de diario polo escándalo de corrupción dos Pandora Papers, Putin (que, sen dúbida, non é ningún santo) é o demo aínda cando formula o problema serio e real das persecucións contra das minorías (rusas e non) na Ucraína post 2014, os membros do batallón Azov son uns idealistas lectores de Kant, cando en realidade son unha banda composta por neonazis, as milicias filorrusas do Donbass son uns nazis aínda que a súa bandeira teña a fouce e o martelo.

 Ante tamaño caos interpretativo e fronte a unha propaganda cada vez máis feroz vólvese difícil especular sobre escenarios futuros no ámbito da investigación social. Non só iso: vólvese perigoso para a carreira académica, como demostran os moitos casos de macartismo en Italia e a persecución cara aos intelectuais pacifistas ou o propio Papa Francisco. Neste contexto, que elementos ter en conta, enfocados na dimensión económica e xeoeconómica do conflito ruso ucraíno? Estou convencido de que para evitar caer en lecturas caricaturizadas do conflito é indispensábel introducir elementos de realidade no debate en desenvolvemento, para saír do circo mediático-sumidoiro que nos bombardea cada día.

 A primeira dimensión do conflito para considerar é local: neste eido, Ucraína está nunha situación moito máis crítica. En abril, o Banco Mundial elaborou algúns prognósticos sobre a evolución da súa economía durante os próximos tres anos. O informe aclara que está baseado nun suposto optimista: a fin da guerra para setembro. Mesmo se sabemos que este prognóstico está lonxe de se cumprir (no momento en que escribo, Putin acaba de anunciar o envío duns 350.000 reservistas a Ucraína), é interesante ler os números vaticinados polos economistas de Washington. Para 2022, prevese unha caída do PIB dun 45,1%; sucesivamente, sumando 2023 e 2024, un crecemento do 7%. É dicir, sendo optimistas sobre a duración do conflito e supondo un plan de axudas potente e implementado eficientemente e sen corrupción, a primeiros de 2025 o PIB ucraíno aínda sería inferior dun terzo ao produto preguerra. En consecuencia, a porcentaxe de poboación que vive por baixo da liña de pobreza (con 3,2 dólares por día) dispararíase do 16% de 2021 a un 70% en 2022, quedando por riba do 60% en 2025. A poboación en condición de fraxilidade (é dicir, cuns ingresos inferiores aos 5,5 dólares por día) subiría a un 19,8% (rexistraba o 1,8% en 2021). Dito doutra forma, se a guerra terminase hoxe, para finais de 2022 un 90% do 40 millóns de ucraínos viviría en condicións de forte fraxilidade ou pobreza. Sumados ás desfeitas, o estrés bélico e o posíbel black-out [apagón] eléctrico da case totalidade do país durante o inverno (dado que os rusos controlan a central nuclear de Zaporizhia) semellante proceso de empobrecemento representa a principal ameaza para a fronte interna ucraíno.

 Outro aspecto de preocupación está representado pola completa dependencia ucraína do financiamento externo, un feito non novo que empezou en 2014, cando o FMI outorgoulle ao país un stand-by agreement [acordo de crédito] duns 17.000 millóns de dólares que se converteu nun extended facilities [ampliación de facilidades[ duns 17.500 millóns de dólares o ano seguinte, pola incapacidade ucraína de respectar as metas do acordo. Malia estes acordos, Ucraína tivo que asinar outra dous stand-by agreements en 2018 (3,75 mil millóns de dólares) e 2020 (4,8 mil millóns de dólares). Despois da guerra, a situación empeorou: Ucraína quedou sen reservas internacionais nun breve lapso de tempo.

 A partir de aí, o FMI e os acredores internacionais (Club de París máis BlackRock Inc., Fidelity International Ltd., Amia Capital LLP e Gemsstock Ltd.) acordaron conxelar uns 20.000 millóns de dólares de pagamentos e xuros durante os próximos dous anos. Doutra banda, os EUA e os seus aliados emprestaron uns 15.000 millóns de dólares para evitaren a parálise da máquina estatal ucraína. Porén, o pedido ucraíno máis importante, é dicir, un posterior empréstito do FMI, non foi aceptado até o momento. Aínda que hai unha clara vontade política de outorgar ao país toda a axuda posíbel, o estatuto do Fondo prohibe emprestar a países que non presenten un plan polo miúdo e críbel de pagamento. Neste sentido, está claro que até que siga a invasión rusa non hai plan posíbel e, polo tanto, empréstito. O que máis preocupa, de todos os xeitos, son as accións no ámbito económico do goberno ucraíno: para lograr convencer o Fondo, os lexisladores do partido de Zelensky (Servir o Pobo) votaron unha reforma laboral que, sen ganas de esaxerar, reintroduce condicións do século XIX, entre outras cousas elevando a semana laboral a 100 horas. Se consideramos que, segundo a OIT, Ucraína é o país cos soldos e as xubilacións medios máis baixos de Europa (420 e 110 dólares ao mes, respectivamente), é doado entender que o que lles vén enriba aos traballadores ucraínos é un futuro de austeridade brutal e explotación salvaxe.

 Entrementres, Rusia vive unha situación oposta. Vén mellorando constantemente o seu prognóstico para o PIB de 2022: en marzo, situábase nun -11,2% mentres que en agosto era de apenas un -2,9%. Tamén nun plano financeiro, o país viu unha constante expansión das súas reservas internacionais (e unha paulatina apreciación do rublo) grazas a superávits comerciais récord determinados polas sancións, que foron eficaces para restrinxir as importacións rusas pero completamente ineficaces para prohibir as súas exportacións. Para entender este paradoxo fai falta, novamente, volver ao 2014. Nesa altura, as sancións implementadas pola administración Obama afectaron fortemente a Rusia, que perdeu uns 150.000 millóns de dólares de reservas internacionais en apenas sete meses. Este shock implicou unha viraxe na política económica, centrada na forte substitución de importacións, as políticas activas do Banco Central no mercado de cambios e a diversificación das reservas (máis ouro, euros e iuans; menos dólares). É precisamente esta exitosa política económica “nacionalista e desenvolvementista” a que permitiu a Rusia case duplicar as súas reservas nos seguintes sete anos e os seus plans bélicos resistindo as novas sancións. A guerra, dito doutra forma, foi posíbel só grazas a unha coidadosa planificación económica, de inspiración desenvolvementista, empezada en 2014.

 Así como o economista Amartya Sin demostrou que o óptimo paretiano era compatíbel cos campos de concentración nazis, habería que concluír que tamén a aplicación meticulosa da teoría económica desenvolvementista non leva necesariamente ao aumento do benestar económico da poboación, senón que pode dexenerar nunha política de potencia, mediante a cal un país en desenvolvemento só aspira a deixar o bando das “vítimas do capitalismo” e a sentar ao lado dos “vitimarios capitalistas”.  

 De todos os xeitos e a pesar dos bos indicadores comerciais rusos, non hai que se ilusionar con que as sancións nunca chegarán a afectar ao país. Como documentan os traballos do economista iraniano Hossein Askari, as sancións producen os seus efectos máis nefastos a medio prazo: debilitando os sectores tecnoloxicamente máis avanzados (dada a imposibilidade de importar insumos de alto valor engadido), o país vítima de sancións sofre un devalar lento, moi difícil de reverter mesmo cando as sancións se levantan, como demostra o caso de Irán.

 A segunda dimensión do conflito é global. Polo forte aumento dos custos enerxéticos, Europa afronta unha inflación de dous díxitos despois de longos anos de estabilidade monetaria. Para os países occidentais do continente, estímase un crecemento do índice de prezos dun 10-15%; no leste de Europa en cambio será entre un 18%-25%. A inflación terá un efecto fortemente recesivo (en Alemaña, estímase entre un -2% e un -4% do PIB anual) pero sobre todo aumentará a desigualdade. Debilitados durante longos anos de políticas neoliberais, os sindicatos europeos non poderán impor medidas para recuperar o total da inflación. O resultado será entón un empobrecemento dos traballadores e un aumento da pobreza.

 Ademais, o feito de que os Estados Unidos teñan unha inflación máis baixa que a de Europa, xunto ao paulatino aumento da taxa de xuros por parte da Reserva Federal está a determinar unha forte apreciación do dólar.

 Se para Europa isto é un feito dentro de todo secundario, non se pode dicir o mesmo para os países periféricos. Vinte e seis países en desenvolvemento rexistraron en 2022 unha depreciación da súa divisa dun 10% respecto ao dólar; dez países (Arxentina entre eles) dun 20%. No intento de defender os seus tipos de cambio, utilizaron uns 379.000 millóns de dólares de reservas no que vai do ano, a unha media duns 2.000 millóns de dólares por día. Como será posíbel pagar débedas en dólares se esta tendencia continúa no tempo? E que pasará cos acordos co FMI, a partir do de Arxentina?

 Os sinais que proveñen desde as principais institucións monetarias mundiais (Reserva Federal; Banco Central Europeo; Banco de Inglaterra) indican a vontade de deixar definitivamente atrás a etapa das políticas non convencionais inaugurada coa crise de 2008 e, sobre todo, coa pandemia. Semellante retorno á “normalidade” implica taxas de xuros máis altas, que á súa vez implican peores condicións externas para se financiar en dólares e un posterior incremento da fuga de capitais desde os países periféricos. Relacionado ao caso arxentino, é superfluo subliñar como semellantes tendencias actuarían como unha carga de dinamita sobre o cronograma do acordo co Fondo, a partir da meta de reservas internacionais.

 Outro aspecto relevante é a forte aceleración do proceso de rexionalización das cadeas globais de abastecemento, acentuada polas sancións e a proliferación de acordos bilaterais de pagamentos en divisa propia, sobre todo entre países non aliñados á axenda estadounidense que temen aos activos en dólares pola facilidade coa cal poden ser embargados.

 Semellante proceso podería ser implementado rapidamente na rexión Asia-Oceanía, onde economías primarizadas coexisten con potencias industriais. Menos rapidamente pero exitosamente en Europa, onde os países de África do norte e a transición ecolóxica substituirían a Rusia. Pero como sería posíbel en Sudamérica, onde os países están desindustrializados, compiten para exportar os mesmos produtos primarios e ademais son economías fortemente amarradas ao dólar?

 Todos os elementos suxiren que, termine como termine, a guerra ruso-ucraína implicará unha longa serie de consecuencias económicas nefastas para a clase traballadora ucraína, europea e finalmente a do sur do mundo. Aumentará a desigualdade entre países, por medio dunha nova serie de crise das débedas soberanas.

 Se este é o risco que corremos, chegou o momento de deixar a emotividade e a actitude de seareiras de fútbol e entender que a prioridade absoluta hoxe en día é lograr que os gobernos volvan sentar nunha mesa e cheguen a un acordo de paz, mesmo se imperfecto. Para o lograr, é necesario que os traballadores abandonen os falsos mitos da patria e da gloria militar e que os seus representantes pidan con forza a fin da guerra e das sancións económicas, exercendo unha forte presión sobre os gobernos, en particular de Europa. A alternativa sería unha catástrofe humanitaria, social e económica sen precedentes.

 

[Artigo tirado do sitio web arxentino Revista Anfibia, do 16 de novembro de 2022]