Rueda engana ás persoas maiores con medidas electoralistas para a dependencia na busca de votos
O colectivo de xubiladas e xubilados da CIG expresa a súa indignación diante das medidas propagandísticas anunciadas por Rueda, en sede parlamentaria. Un anuncio electoralista sobre a atención á dependencia co que pretende captar votos entre as persoas maiores, mentres mantén a escaseza e precariedade dos recursos destinados a persoas dependentes.
O presidente da Xunta, Afonso Rueda, anunciou axudas económicas automáticas e independentemente dos ingresos, a todas as persoas dependentes con prestación de coidados familiares e as que perciben axudas para residencia, durante o debate do Estado da Nación.
Diante deste anuncio, o colectivo de xubiladas/os e pensionistas da CIG pregúntase que fixo o PP para garantir a atención á dependencia durante estes 14 anos que leva na Xunta. “Acórdalle agora, a uns meses das eleccións, porque o que está facendo Rueda non é procurar mellorar a situación das persoas dependentes, senón buscar votos entre esas persoas e as súas familias”, denuncia.
Coas cifras proporcionadas polo Presidente da Xunta, estas axudas anunciadas suporían un gasto de perto de 100 millóns de euros en 2024. Porén, lamenta o colectivo, “Rueda esqueceu explicar se van ter continuidade ou só van durar o ano electoral”. Unha cantidade respecto da que, ademais, indican que “debería ser investida nos recursos públicos de atención á dependencia, no canto de axudas directas e sen ter en conta os recursos de cada quen”.
En todo caso, o colectivo subliña que, segundo o anunciado, esas axudas só se lle darán ás persoas que teñen prestacións por coidados familiares e de residencia, cando “hai moitas persoas que teñen solicitado o grao e máis a prestación e que aínda están agardando. E moitas outras que teñen concedidas outro tipo de prestacións, como pode ser o SAF, e que se ven obrigadas ademais a contribuír a sufragalas mediante un copagamento”.
Rueda condena ás mulleres
O colectivo de xubiladas/os entende e defende que as persoas que reciben coidados familiares, que ademais, maioritariamente son mulleres, precisan dos recursos económicos necesarios para afrontar a responsabilidade deses coidados. “Mais tamén é certo que tamén precisan axudas e recursos todas esoutras persoas, que están no limbo da dependencia, agardando por unha resolución que non dá chegado”.
Ademais, con estas medidas anunciadas o colectivo denuncia que “o PP afonda na visión patriarcal de que os coidados os teñen que prestar as familias e, nomeadamente, as mulleres, en lugar de incrementar orzamentos para que haxa unha rede de centros e recursos públicos de atención á dependencia”. Unha responsabilidade que, engaden, “dunha vez por todas ten que se asumir desde as administracións públicas para deixar de condenar ás mulleres a abandonar a súa vida laboral e social para dedicarse, na casa, aos coidados”.
Situación real da dependencia
Cómpre lembrar que segundo datos do INSERSO hai un tempo de espera de máis de un ano, desde que se fai a solicitude de dependencia até que se ten a resolución da prestación. Mais non necesariamente a efectividade da mesma, que pode –e de feito así adoita ocorrer- demorarse máis.
Segue habendo máis de 2.500 persoas agardando por unha prestación, a maioría delas desde hai máis de 6 meses. Seguimos tendo moitas menos prazas de residencias das recomendadas pola OMS, que cifra en 5 por cada 100 persoas de máis de 65 anos, e ademais, que das prazas que hai só un 29,6% son públicas. Algo semellante ao que ocorre cos centros de día, dos que nin sequera hai un por cada concello de Galiza, nun país cada vez máis avellentado.
Diante disto, o colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG anuncia que vai saír ás rúas a mobilizarse e informar sobre esta campaña electoral que vén de lanzar Rueda e que manipula a realidade da atención á dependencia na Galiza.