Rotundo rexeitamento ao peche de centros educativos na manifestación convocada pola PGDEP
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público manifestouse esta mañá, xunto con nais, pais, alumnado e profesorado dos centros afectados, contra o peche de centros docentes e a redución do profesorado que pretende acometer a Consellaría de Educación no remate do presente curso escolar.
Ao remate da concentración deron lectura a un manifesto no que se denuncia a actuación da Consellaría de Educación, que anunciou, aproveitando a fin do curso escolar, a súa decisión de pechar centros como o CEIP Emilio Navasqües en Cruceiro do Ro (Outes), o CPI Monte Caxado das Pontes e a oferta da ESO no CPI Tomás de Lemos de Ribadavia ou no CPI da Ribeira no Porriño.
Xunto a isto denunciaron tamén a decisión da consellaría de eliminar 10 postos de traballo no IES de Celanova, un número que vai aumentando cada día, segundo informan desde diferentes centros educativos, aos que Inspección Educativa lles está a comunicar novas supresións no número de docentes cos que van poder contar para o vindeiro curso escolar.
A este respecto, o portavoz da PGDEP e secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, denunciou que esta redución de postos de traballo “empeora novamente as condicións de traballo do profesorado galego e tamén incide especialmente na calidade da oferta educativa, xa que desatende o apoio ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, amplía as ratios e impide os desdobres en determinadas materias”.
Bermello asegurou que estes peches e reducións de persoal forman parte da “política de desgaste contra o ensino público” que o goberno do Partido Popular na Xunta vén practicando desde o ano 2009, levando a unha redución importante de aulas e docentes en todos estes anos. Unha política que, dixo, “parte da visión neoliberal de que a educación é un gasto e non un investimento”.
Unha política do PP que leva a que, “mentres se baleiran aulas e pupitres no ensino público, mentres se reduce a oferta pública nas vilas e no medio rural, mentres nos ámbitos urbanos se aumentan as ratios nas aulas; as subvencións ao ensino concertado medran cada curso, incrementando aulas e mantendo o financiamento a centros que segregan o alumnado por cuestión de xénero”.
Escurantismo e “talante autoritario”
Á esta visión “mercantilista” engadiu o “talante autoritario” dos responsábeis da consellaría por teren enviado “os seus homes de negro, na véspera de acabar o curso escolar, aos centros afectados ou simplemente os chamaran por teléfono”.
Bermello denunciou o escurantismo e a falta de negociación previa, dunha decisión que se comunicou cando os centros xa pecharan a matrícula para o curso seguinte, as familias xa tiñan as súas decisións tomadas e o profesorado xa non tiñan marxe de manobra para poder tomar decisións sobre posíbeis cambios de destino.
Contra calquera recorte educativo
Lembrou que a PGDEP sempre se opuxo a calquera recorte educativo e denunciou as formas da consellaría de Educación. A este respecto preguntouse “que modelo de educación pode defenderse desde unha Consellaría onde os seus máximos responsábeis toman decisións unilaterais, sen consultar e negociar coa comunidade educativa” e que clase de convivencia “pode predicar un goberno que actúa ás costas dos centros, as familias e o profesorado”.
Preguntas as que el mesmo respostou asegurando que “quen fixo e quen aplica a LOMCE ten bastante claro como quere facer as cousas: coa imposición e a calculadora coa que só sabe restar investimentos”.
Pola súa banda, Fernado Lacaci, da federación de ANPAS de Compostela e membro da Plataforma, denunciou que un colexio “non é un establecemento económico” e advertiu de que “un lugar que non teña centros escolares esmorece e morre, perde habitantes e perde ilusión, perde tecido comercial e perde futuro”.
Asegurou que ese é o deseño que a actual Xunta de Galiza está a facer para o noso mapa educativo, o “dun grande ermo onde nada medre agás, por suposto, o negocio privado do ensino, apoiado polas actuais autoridades educativas a través do incremento permanente da vía dos convenios con empresas privadas, mentres se eliminan prazas públicas para poder crear mercado, comerciando cos dereitos da xuventude e coas súas posibilidades de mellora no futuro”.
Por iso rexeitou, en nome da Plataforma Galega en defensa do Ensino Público, “calquera recorte, calquera peche” entendendo que “antes de tocar unha soa praza pública, antes de reordenar nin o primeiro pupitre, haberá que acabar coa privatización encuberta do ensino, haberá que rematar co ensino concertado, coas súas prebendas e coas manobras oficiais para beneficialo”.
A PGDEP reclamou do conselleiro que “saia do búnker no que converteu esa Consellaría” e que fale coas persoas afectadas, co profesorado, as organizacións sindicais, as familias, as ANPAS e os concellos.