Right2Cure considera un gran paso a resolución do Parlamento Europeo de apoio á suspensión das patentes
A Iniciativa Cidadá Europea #Right2Cure considera que a posición do Parlamento Europeo marca o camiño para que a Comisión Europea anuncie claramente o apoio á suspensión do actual sistema de patentes. Esta plataforma, que reúne a máis de 200 organizacións da sociedade civil en toda a UE, esixe á Comisión Europea a suspensión de patentes sobre as vacinas contra a Covid-19, e considera “unha gran paso adiante” a aprobación no Parlamento Europeo da resolución que inclúe o apoio á iniciativa, defendida na OMC por un conxunto de países encabezados pola India e Sudáfrica.
A xuízo do colectivo, a posición definida pola única institución realmente elixida de maneira democrática na Unión Europea, o Parlamento, deixa soa á Comisión Europea na súa insistente negativa a apoiar a suspensión de patentes e demostra a capacidade de acción das diferentes iniciativas cidadás postas en marcha que defenden os intereses xerais contra os intereses corporativos ou os beneficios das grandes farmacéuticas.
#Right2Cure cre que as vindeiras semanas serán fundamentais, porque sumado a esta resolución, as negociacións na OMC parecen avanzar e durante o mes de xuño e xullo, os debates parecen estar xa centrados no documento que inclúe a suspensión temporal das patentes.
Finalmente, o colectiva lembra as e os representantes en Europa que "a súa responsabilidade é defender o interese xeral e a saúde pública europea, non ser voceiros e voceiras do lobby farmacéutico. E isto vén a conto polas recentes declaracións da Presidenta da Comisión Europea, Úrsula Von der Layen, nunha comparecencia parlamentaria, na que insistiu na "necesidade de protexer a propiedade intelectual" e volveu negarse a apoiara proposta de suspender as patentes.
Protección para todo o mundo
Esta iniciativa pretende que todo o mundo teña dereito á protección fronte ao virus coa liberación das patentes das vacinas; que haxa transparencia informativa e control sobre a achega de fondos públicos para o seu desenvolvemento e a súa xestión; que rematen os monopolios de certos laboratorios; que se faga extensivo o uso de todas as vacinas que pasaran os controis sanitarios pertinentes, con independencia da súa procedencia; e que, en definitiva, a pandemia non sexa usada para o lucro e o negocio.
Podes apoiar esta iniciativa coa túa sinatura en: https://noprofitonpandemic.eu/gl/.