Rexistradas máis de 12.000 sinaturas avalando a ILP en defensa dos montes veciñais
A comisión promotora da Iniciativa Lexislativa Popular para a tramitación no Parlamento Galego dunha nova lei de montes veciñais, promovida pola Organización Galega de comunidades de montes, vén de rexistrar diante da Xunta Electoral de Galiza, un total de 12.010 sinaturas para que esta iniciativa lexislativa popular sexa tramitada.
Estas sinaturas, recollidas polas comunidades de montes entre a veciñanza comuneira e a sociedade galega, teñen como obxectivo parar o proxecto de privatizar e, tal e como o cualificou o portavoz Xosé Alfredo Pereira, “roubar” estas terras comunitarias que pretende a consellería do Medio Rural mediante a modificación de vixente Lei de Montes Veciñais en man común. Nesta recollida de sinaturas a ORGACCMM, contou coa colaboración da Alianza por un Medio Rural Vivo (Adega,CIG e Fruga).
Os contidos fundamentais desta lei de montes veciñais tramitada mediante a Iniciativa lexislativa Popular son:
- Recoñecer a titularidade veciñal como unha máis, distinta e en pé de igualdade coas titularidades públicas e privadas.
- Reforzar o carácter xermánico dos montes veciñais, considerando a veciñanza como único requisito para acadar a condición de veciño/a comuneiro/a.
- Camiñar cara un monte veciñal multifuncional e sustentábel ao servizo da veciñanza comuneira e do pobo galego no seu conxunto.
- Considerar os montes veciñais en man común figura de protección medioambiental e cultural en si mesmos.
- Impedir que estas terras comunitarias poidan ser expropiadas para que multinacionais de diversa índole (forestais, madeireiras, eólicas, mineiras ...) poidan facerse, para o seu beneficio, coa titularidade e cos recursos das mesmas.
- Retirar os montes veciñais en man común como suxeitos pasivos no Imposto sobre Sociedades e elaborar dende Galiza, unha fiscalidade axustada a figura e as funcións dos montes veciñais.
A Organización Galega de comunidades de montes (ORGACCMM), quer solicitar ás forzas políticas que conforman o Parlamento Galego, o seu apoio para que esta proposta de lei de montes veciñais, que recolle o sentir maioritario das comunidades de montes poida saír adiante e lograr deste xeito, un monte veciñal multifuncional e sustentábel ao servizo da veciñanza comuneira e do pobo galego , no seu conxunto.