Rexeitan a externalización dos informes psicosociais do Instituto de Medicina Legal de Galiza
A CIG-Administración Autonómica manifesta a súa oposición á externalización dos informes psicosociais do istituto de Medicina Legal de Galiza. Sinala que foi o propio director xeral de Xustiza quen anunciou convenios de colaboración cos colexios profesionais para facer os informes periciais dos xulgados en vez de reforzar os equipos propios do IMELGA.
Neste sentido, a CIG-Administración Autonómica sinala que a acumulación e os retrasos “soluciónanse dotando de máis equipos psicosociais ao IMELGA non privatizando o servizo a través de colaboracións cos colexios profesionais de psicólogos e traballadoras sociais”.
Así, a responsable nacional do sector, Zeltia Burgos, afirma que “as contradicións do director xeral de Xustiza da Xunta de Galiza son unha constante” e denuncia que, unha vez máis, fixo pública esta decisións “na súa participación no Congreso Internacional de psicoloxía xurídica e forense da Universidade de Vigo”.
Segundo explica Burgos, neste Congreso o director, despois de gabar a actuación do persoal laboral da Xunta que conforma os equipos psicosociais do Instituto de Medicina Legal de Galiza, “veu manifestar o seu compromiso coa dotación dos medios precisos para contribuír a unha xustiza de calidade coa celebración de convenios de colaboración cos colexios profesionais de psicólogos e de traballadoras sociais”.
Esta colaboración substánciase, sinala, “coa posta a disposición de equipos destes colexios para que a dirección xeral a través do IMELGA lles encomende o desenvolvemento de informes necesarios, parece que en asuntos de familia pero non parecen fechados a externalizar tamén asuntos penais, para que o xuíz ou xuíza poida facer unha correcta valoración das circunstancias a enxuizar e fundamentar a sentenza”.
Atasco xudicial
Burgos lembra que esta colaboración pretendida polo director xeral xa se produciu no pasado e non resolveu o atasco xudicial. “Todo o contrario, resultou cara e ineficaz e debilitou a seguridade de xuízas/es e fiscais á hora de valorar a proba pericial debido ás diferentes metodoloxías e protocolos de valoración aplicados polos diferentes equipos contratados, fronte a homoxeneidade conseguida entre as e os membros dos equipos psicosociais públicos, ate o punto de ter sido requiridos estes equipos públicos para reformular, complementar ou reavaliar casos xa resoltos polos equipos contratados nas externalizacións”.
Segundo a responsable do sector da Autonómica, “a desfeita desta colaboración, desembocou nunha ampliación coa creación de 7 novos equipos psicosociais con persoal laboral da Xunta de Galiza, claramente insuficiente tendo en conta o importante aumento das peticións de informes periciais provenientes dos xulgados”.
Por iso a CIG rexeita “frontalmente” esta externalización de servizos a través da colaboración cos colexios profesionais, pretendida polo director xeral de Xustiza, e avoga polo incremento dos equipos técnicos do IMELGA para unha resposta efectiva e garantista dos distintos procedementos xudiciais.