Revi readmite a outro traballador antes de chegar a xuízo grazas á loita dos compañeiros
O Grupo Revi vén de readmitir, achegándose a data do xuñízo, a outro dos candidatos da CIG despedido nada máis preavisar as eleccións sindicais na empresa Conductores Eléctricos Revi para intentar evitar que a central sindical puidese participar no proceso. Dáse a casualidade de que este ademais chegara a ser elixido delegado do comité nas eleccións sindicais celebradas recentemente. O outro candidato, tamén despedido, fora xa readmitido a mediados do mes de xullo.
Nese proceso a central sindical obtivo 3 delegados/as de 9 (os outros/as 6 foron para a UGT), entre eles o traballador despedido, que puido igualmente concorrer e votar nas eleccións sindicais ao estar incluído no censo. Deste xeito, a CIG conta con 6 representantes de 9 no Grupo Revi, despois de que anteriormente se fixese tamén cos 3 delegados/as de persoal que se escollían na empresa Trefilados Revi.
“A represión sindical da empresa e o traballo sindical tiveron o efecto contrario e tres compañeiros decidiron dar o paso e presentarse pola CIG noutra compañía do Grupo, Trefilados Revi, obtendo un resultado histórico tras 62 anos sen representación sindical”, sinala o secretario comarcal da CIG-Industria, Indalecio Gómez.
Gómez celebra que, por vez primeira na historia, as traballadoras e traballadores do Grupo Revi “conten con representación sindical de seu”. Considera que ambas as readmisións conseguíronse grazas á “loita sindical coherente e honrada dos compañeiros que decidiron dar un paso adiante para defender os postos de traballo e as condicións laborais no Grupo e da súa firmeza fronte á represión”.
Salienta que “puideron ter aceptado a indemnización proposta mais, a súa loita era a de todos e todas” e denuncia que as empresas “usan o medo e a represión para aterrorizar ao persoal e que non defenda as súas condicións laborais”.
Por iso entende que estas dúas readmisións son unha vitoria “non só dos compañeiros readmitidos, senón de todas e todos” porque “ningunha empresa pode acalar as arelas da clase traballadora cando se organiza na CIG”.
Fronte a isto denuncia a outra organización sindical que “da man da empresa, se aproveitou do sacrificio duns poucos, non apoiando a loita pola readmisión” que agora celebran. E advirte que “erra quen pense que cabe agardar algo de quen mirou para outro lado e se puxo a carón do medo patronal”.
O secretario comarcal de CIG-Industria de Ourense chama agora a loitar por un convenio para o Siderometal de Ourense xusto. “En fronte temos de novo á patronal e á mesma organización sindical entregada ás empresas”, conclúe.