Revés xudicial ao Grupo HOTUSA: anulada a asemblea para revogar as tres delegadas da CIG
O Xulgado do Social vén de darlle un revés ao Grupo HOTUSA, un dos principais consorcios hoteleiros do estado, ao anular a asemblea que a propia empresa promoveu co obxectivo de revogar as tres delegadas da CIG, xusto o día despois de celebrarse eleccións sindicais no centro de traballo de Chantada. A sentenza, que está recorrida, constitúe unha chamada de atención ás prácticas antisindicais e á persecución que a empresa exerce sobre calquera traballador ou traballadora polo simple feito de defender os seus dereitos.
Os feitos aconteceron nun dos centros de traballo que o Grupo ten en Chantada, onde hai uns anos o propietario da compañía, Amancio López, abriu unha central reservas (da súa filial RESTEL), apelando precisamente á súa orixe neste municipio. Nestes intres estas oficinas contan cunhas 300 empregadas/os, pero dende o primeiro momento os incumprimentos do convenio colectivo foron habituais e cada vez que as traballadoras e os traballadores reclamaban os seus dereitos, de seguido producíanse despedimentos, instaurándose así un clima de medo.
Organizarse para defender os dereitos
Neste contexto, un grupo de traballadoras decidiron organizarse arredor da CIG para defender os seus dereitos e reclamar que se respectasen as condicións laborais e salariais establecidas en convenio. "Nada máis preavisar a convocatoria de eleccións sindicais producíronse dous despedimentos", explica Ana Lage, unha das delegadas que foi revogada, quen lembra o acoso e a persecución da dirección a todo o persoal e as amezas de trasladar o centro de traballo a Madrid para evitar que as eleccións foran adiante. "Até entón a única 'representante' das traballadoras e dos traballadoras era a filla do propietario", comenta con humor.
Malia as ameazas e as coaccións, finalmente o 6 de xuño de 2019 celebráronse eleccións en RESTEL, saíndo elixidas as tres delegadas da CIG. Tan só un día despois, nunha manobra claramente orquestrada pola empresa, promoveuse asemblea para revogar as tres persoas elixidas e mais as tres suplentes. "Aproveitando que tiñan que presentar na OPR a acta das eleccións xa meteron tamén a convocatoria da asemblea de revogación", indica Lage.
Esta actuación foi recorrida pola CIG no xulgado do Social 1 de Lugo que ditou sentenza anulando a asemblea e a revogación ao atopar numerosas irregularidades, entre elas que ás delegadas afectadas non se lles notificou a convocatoria da asemblea ou que resulta materialmente imposíbel nun só día realizar actuacións ou ter comportamentos que leven as traballadoras e os traballadores a perder a confianza nas súas representantes.
Para o secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, este caso é un claro exemplo de como en pleno século XXI hai empresas que continúan a vulnerar o dereito á liberdade sindical para que o seu persoal non se organice na defensa das súas condicións laborais e salariais e así poder seguir incumprindo e precarizando.
A CIG pide a execución provisional da sentenza
Como a sentenza está recorrida por RESTEL no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, a CIG ten solicitada a súa execución provisional "para poder comezar a facer dunha vez traballo sindical, porque queda todo por facer", apunta Lage. O primeiro obxectivo das delegadas será conseguir que RESTEL cumpra con todos os puntos do convenio colectivo, algo que consideran "indiscutíbel". Neste senso, Lage explica que até que o persoal comezou a organizarse, a empresa non lles pagaba a nocturnidade e a día de hoxe non remunera de maneira correcta o traballo en domingos e festivos.