Retoman a folga nos elaborados do mar debido á intransixencia da patronal nas negociacións
O persoal do sector dos produtos elaborados do mar retomará a folga os días 30 e 31 de outubro tras fracasaren as dúas xornadas de duras negociacións decorridas o pasado xoves e este mesmo luns en Madrid, e que motivaran unha tregua nos paros. A representación dos traballadores/as critica a intransixencia do empresariado, que realizou unha derradeira oferta que non satisfai minimamente as demandas de melloras económicas e sociais, pretendendo perpetuar o “peor convenio” de todo o ámbito da alimentación.
Tal e como advertiu o comité de folga ao anunciar o adiamento das xornadas inicialmente convocadas para o 24 e 25, a folga no sector dos produtos elaborados do mar retomaríase para os días 30 e 31 de outubro se as negociacións non fructificaban.
Así foi finalmente, a pesar da satisfacción lograda por un primeiro día de folga unánime que demostrou a capacidade de loita das traballadoras do sector e que logrou sentar á patronal na mesa por primeira vez desde a ruptura das negociacións o pasado setembro.
Segundo o comité, que se desprazou a Madrid tanto o pasado xoves como este luns, esta nova xeira de contactos non fructificou debido á actitude “intransixente” da patronal, que non se moveu practicamente da proposta inicial, realizando unha derradeira proposta que non colma en absoluto as necesidades de mellora do persoal.
Neste sentido, indican que na parte económica se amosan intransixentes nas propostas de suba salarial nos grupos 1,2 e 3 (os máis precarizados) dun 5´5% no primeiro ano e 2% nos tres sucesivos anos de vixencia do convenio fronte os 5,5% e 2´9% que propón a parte social. Alén disto, o empresariado tampouco está disposto a admitir permisos retribuídos para levar fillos/as en idade pediátrica ao centro de saúde.
Segundo indica a delegación negociadora, as únicas cesións da patronal consistiron en aceptar a redución do tempo para promocionar da categoría 1 á 2 de cinco a catro anos e en aceptar o plus de serra, se ben reducindo á metade a súa contía (50 euros).
Aseguran, así mesmo, que pola parte social se realizou este mesmo luns unha nova proposta para dar unha última oportunidade ao acordo, responsabilizando a patronal das dúas novas xornadas de folga que volverán paralizar o sector.
Piquetes informativos
A segunda xornada de folga no sector de elaborados do mar repetirá o esquema da anterior, dando inicio na madrugada deste martes 30 con piquetes informativos percorrendo os principais centros de traballo e polígonos. Así, e segundo informa CIG-Mar, na comarca de Vigo desprazaranse desde as 22 horas do luns ao inicio da quenda de noite en Pereira, para desprazarse ás 04:30 a outras factorías como Fandicosta ou Mascato.
No caso de Pontevedra, comezarán ás 04:00 da mañá desde Numarsi, no polígono de Campañó, e máis tarde irán até o porto de Marín para informaren as traballadoras/es en GPS ou Cabomar, ás 04:30h.