Retómanse as protestas no Hospital de Monforte polos incumprimentos da Xerencia
Persoal do Hospital de Monforte retomou as mobilizacións para esixir da xerencia de xestión integrada que cumpra cos compromisos acadados o pasado ano e que puxeron final á folga convocada por CIG-Saúde, CCOO, Prosagap e UGT en demanda de máis medios humanos e materiais. Á protesta tamén se sumaron traballadores e traballadoras das ambulancias que están en folga por un convenio digno.
Dende CIG-Saúde explican que a pesar do compromiso acadado, a xerencia non está a contratar persoal TCAE para reforzar as plantas en caso de necesidade, non se incorpora un celador/a nos días de máxima actividade en cirurxía; non se cubriu a especialidade de dixestivo non se contratou persoal técnico de laboratorio para o servizo de urxencias, nin se cobren as baixas que hai en xinecoloxía e cardioloxía.
Xunto a isto, denuncian que a dirección do hospital mantén o persoal nunha situación de precariedade laboral, o que xa provocou a marcha dun médico rehabilitador debido aos contratos precarios que se lle facían. De igual xeito, subliña a CIG-Saúde de Monforte, en vez de realizarse contratos de interinidade estánselle a facer contratos cada dous meses aos/ás especialistas, ao que hai que sumar o cese da directora de enfermaría.
Ante a desidia e o desinterese da xerencia de xestión integrada para garantir unha asistencia sanitaria de calidade e para denunciar o desmantelamento progresivo do Hospital, as centrais acordaron iniciar a pasada semana un calendario de mobilizacións con concentracións todos os martes, ás 12:00 horas, na entrada do centro hospitalario, nas que animan a participar a toda a veciñanza.