Retoman a folga na empresa IKF da Guarda para rexeitar a dobre escala salarial e a liberalización horaria

Os paros serán todos os martes, mércores e xoves tras suspender a folga indefinida polas vacacións
Vigo - 30 Ago 2021

O cadro de persoal de Imerys Kiln Furniture (IKF), empresa dedicada á fabricación de materiais refractarios con sede na Guarda, retomará este martes día 31 a convocatoria de folga para rexeitar a dobre escala salarial que a empresa quere prolongar, a liberalización dos horarios, a maior flexibilización da xornada e o cambio no goce das vacacións que pretende impor a compañía. Nesta ocasión os paros desenvolveranse todos os martes, mércores e xoves até o vindeiro 30 de setembro, a excepción do xoves 23, que é festivo local.

Os traballadores/as de IKF iniciaran o pasado 14 de xullo unha folga indefinida que decidiron suspender o 30 de xullo ante o inicio do período vacacional. Mais como a dirección non mudou a súa postura na xuntanza celebrada a mediados de agosto agora apostan por retomar as medidas de presión. 

A convocatoria chega tras o paro de dúas semanas desenvolvido no mes de xullo

Nas máis de dúas semanas que o persoal estivo de folga o seguimento foi masivo, provocando un achegamento por parte da empresa, que amosou disposición a sentar negociar parte das demandas sociais: flexibilización da xornada anual, modificación da distribución histórica das vacacións, pago do traballo en fins de semana e festivos ou determinados complementos salariais.

Porén, explica Xulio Vicente, da CIG-Construción de Vigo, a dirección non quere tocar por agora a principal problemática, a eliminación da dobre escala salarial, cuestión que pretende deixar para o final da negociación. Engade Vicente que nese encontro a empresa tamén tentou forzar a desconvocatoria da folga a cambio de abrir as conversas, “pero o persoal foi claro, continuará coa folga até conseguir que se dea resposta ás súas demandas”.

Neste senso, critica a ausencia da Xunta neste conflito malia a importancia laboral e económica que ten a actividade desta fábrica para á Guarda e o conxunto da comarca. “É esta a preocupación que ten o Goberno galego polos dereitos dos traballadores/as desta empresa?”, pregúntase.

Diferenzas salariais de até 5200 euros anuais

Cómpre lembrar que, por mor do pacto asinado coa empresa polo anterior comité en 2018, as persoas que se incorporan a IKF dende ese ano ingresan entre un 25 e un 30% menos de soldo que os seus compañeiros/as da mesma categoría laboral, o que supón uns 5200 euros menos ao ano. Unha dobre escala salarial que a empresa pretende prolongar durante oito anos máis.

Xunto a isto, IKF pretende que o 10% de distribución irregular da xornada permitido por lei sexa obrigatoria para todo persoal de luns a sábado, tanta de mañá como de tarde, o que se traduciría na liberalización dos horarios a dispor da empresa, supondo un ataque ao dereito de conciliación da vida laboral e familiar. Ademais, quere introducir cambios no goce das vacacións, que historicamente se viñan collendo no mes de agosto, e agora pretende que o persoal colla 15 días de vacacións en agosto e os outros 15 estean a disposición da empresa.