Resucitando o concepto da Tríade

Vijay Prashad - 09 Xun 2023

A meirande parte do mundo —o Sur Global— enfróntase agora a un sistema imperialista dirixido e dominado polos Estados Unidos que ten as súas raíces nunha estrutura militar integrada. Este sistema está composto por tres grupos: (1) os Estados Unidos, o Reino Unido e outros Estados formados por colonizadores brancos angloamericanos; (2) Europa; e (3) Xapón

 Ao final da cimeira do Grupo do Sete (G7) celebrada en maio de 2023 en Hiroshima (Xapón), os ministros de Relacións Exteriores de Alemaña, Canadá, Estados Unidos, Francia, Italia, Xapón e Reino Unido e a Alta Representante da Unión Europea (UE) fixeron pública unha longa e informativa declaración. Nunha sección titulada “China”, os oito funcionarios escribiron que “recoñecen a importancia de estabelecer un diálogo franco con China e expresarlle directamente as nosas preocupacións” e que “recoñecen a necesidade de colaborar con China nos desafíos mundiais, así como en ámbitos de interese común, como o cambio climático, a biodiversidade, a seguridade sanitaria mundial e a igualdade de xénero”. O ton diplomático da declaración destaca en comparación coa acalorada retórica que estes países adoptaron nos últimos anos e é moito máis suave que a linguaxe utilizada na propia reunión do G7, na que os xefes de goberno esgrimiron a expresión “coerción económica”, dirixida indirectamente a China.

 Unha lectura atenta dos discursos da reunión suxire que existen diferenzas de opinión entre os líderes dos países do G7, sobre todo no que se refire a China e ás súas propias políticas industriais internas. Certamente, varios Estados europeos están inquietos polas consecuencias económicas internas da prolongación da guerra en Ucraína e dun posíbel conflito militar por Taiwán. Quizais sexa esta inquietude a que levou o presidente estadounidense, Joe Biden, a afirmar: “Non buscamos desvincularnos de China, buscamos reducir riscos e diversificar a nosa relación con China”.

 Para Europa, a idea de se desvincular de China é inconcibíbel. En 2022, as cifras da UE mostraban que China era o terceiro maior socio para as exportacións e importacións da rexión, sendo a maioría dos bens importados por China produtos manufacturados de gama alta e valor engadido. As economías nacionais de Europa xa se viron gravemente prexudicadas pola negativa de Occidente a negociar un acordo de paz en Ucraína, e quedar illadas do florecente mercado chinés sería un golpe fatal.

 A reunión do G7 pon de manifesto as diferenzas entre Estados Unidos e os seus aliados (Europa e Xapón), mais estas diferenzas de intereses e opinións non se deben sobreestimar. No marco do noso traballo no Instituto Tricontinental de Investigación Social, estivemos investigando e analizando a natureza da cooperación entre Estados Unidos, Europa e Xapón —a “Tríeda”, como os denonimou Samir Amin—. Aínda que a nosa investigación segue en curso, presentamos algúns dos datos neste boletín.

 Tras o final da Segunda Guerra Mundial, Estados Unidos construíu un sistema internacional baseado na subordinación e integración de Xapón e Europa. Este proceso de subordinación e integración quedou patente no aparello militar construído por Estados Unidos, cuxos eixos foron a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), creada en 1949, e o Tratado de Seguridade entre Estados Unidos e Xapón de 1951. O estabelecemento dun sistema de bases militares estadounidenses nas potencias derrotadas —Alemaña, Italia e Xapón— permitiu a Washington deixar de lado calquera conversa sobre un proxecto militar ou diplomático soberano para Europa ou Xapón (os rabexos de Francia, inspirados polo sentido do gran destino francés de Charles De Gaulle, non levaron á súa saída da OTAN, senón só á retirada das forzas francesas do mando militar da alianza en 1966).

 Actualmente hai 408 bases militares estadounidenses coñecidas nos países do Cinco Ollos (Australia, Canadá, Nova Zelandia, Reino Unido e —porque comparten intelixencia entre si— Israel), en Europa e en Xapón. Sorprendentemente, só Xapón conta con 120 bases militares estadounidenses, mentres que Alemaña alberga 119 delas. É importante comprender que estas bases non son simples instrumentos de poder militar, senón tamén de poder político. En 1965 Thomas Hughes, da Oficina de Intelixencia e Investigación do Departamento de Estado dos EUA, redactou un importante memorando titulado “A importancia da OTAN: presente e futuro”. A OTAN, escribiu Hughes, “segue a ser esencial para os EUA como instrumento ben estabelecido e doadamente dispoñíbel para exercer influencia política norteamericana en Europa” e, en última instancia, “é importante para a protección dos intereses norteamericanos en Europa”. Este sistema xa se implantou en Xapón, como se detalla neste memorando militar estadounidense de 1962. A rede de bases militares estadounidenses en Europa e Xapón é o símbolo da súa subordinación política a Washington.

 Co asinamento do Tratado de Seguridade EUA-Xapón en 1951, o primeiro ministro xaponés Shigeru Yoshida aceptou o dominio do exército estadounidense sobre o seu país, pero esperaba que o Estado xaponés se puidese centrar no desenvolvemento económico. En Europa articuláronse doutrinas similares.

 Na posguerra comezou a formarse un bloque económico entre Estados Unidos, Europa e Xapón. En 1966, Raymond Vernon publicou no Quarterly Journal of Economics un importante artigo titulado “International Investment and International Trade in the Product Cycle”, no que mostraba como as grandes corporacións internacionais construían unha estrutura secuencial: os bens producíanse e vendíanse primeiro nos Estados Unidos, despois en Europa e máis tarde en Xapón, tras o cal se vendían finalmente noutras partes do mundo. En 1985, Kenichi Ohmae, director executivo da oficina de Tokio da consultora global McKinsey, botou máis luz sobre este acordo no seu libro Triad Power: The Coming Shape of Global Competition. Ohmae explicaba como as empresas internacionais tiñan que operar simultaneamente nos Estados Unidos, Europa Occidental e Xapón. A crecente intensidade de capital, os elevados custos de investigación e desenvolvemento, a converxencia dos gustos dos consumidores e o auxe do proteccionismo facían imprescindíbel que as empresas internacionais traballasen nestes países, que Ohmae denominaba colectivamente a Tríade, e logo buscasen mercados e oportunidades noutros lugares (onde vivían sete de cada dez persoas do mundo).

 Samir Amin utilizou ese termo —Tríade— cun propósito moi diferente. En 1980, escribiu sobre a “consolidación gradual da zona central do sistema capitalista mundial (Europa, Norteamérica, Xapón, Australia)”, e pouco despois empezou a referirse a esta “zona central” como a Tríade. As elites de Europa e Xapón subordinaron os seus propios intereses nacionais ao que o goberno estadounidense empezara a chamar os seus “intereses comúns”. Na década de 1970 xurdiron novas institucións e termos que deron forma a estes “intereses comúns”, como a Comisión Trilateral (creada por David Rockefeller en 1973 con sedes en París, Tokio e Washington) e o concepto de “diplomacia trilateral” (que reunía a Europa Occidental, Xapón e os Estados Unidos baixo unha visión diplomática unificada do mundo).

 Os intelectuais destes círculos trilaterais vían os Estados Unidos como a potencia central cos seus Estados vasalos (Europa e Xapón) facultados para manter o control sobre os Estados tributarios (como Corea do Sur) co fin de manter estábel o resto do mundo. Zbigniew Brzezinski, un dos arquitectos da Comisión Trilateral e asesor de Seguridade Nacional do Presidente estadounidense Jimmy Carter, utilizou unha linguaxe moito máis dura. En The Grand Chessboard: American Primacy and Its Geostrategic Imperatives [O gran taboleiro: A primacía estadounidense e os seus imperativos xeoestratéxicos] de 1997, Brzezinski escribiu: “Por dicilo cunha terminoloxía que lembra a época máis brutal dos antigos imperios, os tres grandes imperativos da xeoestratexia imperial son impedir a colusión e manter a dependencia de seguridade entre os vasalos, manter os tributarios dóciles e protexidos e evitar que os bárbaros se unan”. Pódese adiviñar quen son os bárbaros na imaxinación de Brzezinski.

 Nos últimos anos, o concepto de Tríade caeu en desuso. Pero é necesario recuperar este termo para comprender mellor a orde mundial actual. O campo imperialista non se define unicamente desde o punto de vista xeográfico; tanto o termo máis antigo, Tríade, como o máis utilizado actualmente, Norte Global, son conceptos xeopolíticos. A meirande parte do mundo —o Sur Global— enfróntase agora a un sistema imperialista dirixido e dominado polos Estados Unidos que ten as súas raíces nunha estrutura militar integrada. Este sistema está composto por tres grupos: (1) os Estados Unidos, o Reino Unido e outros Estados formados por colonizadores brancos angloamericanos; (2) Europa; e (3) Xapón. O Norte Global alberga unha minoría da poboación mundial (14,2%), pero é responsábel dunha clara maioría do gasto militar mundial (66,0%). Segundo o Instituto Internacional de Estocolmo para a Investigación da Paz, o gasto militar mundial total alcanzou os 2,2 billóns de dólares en 2022, sendo a Tríade e os seus socios próximos responsábeis de 1,46 billóns desa cantidade (o gasto militar de China é de 292.000 millóns de dólares, mentres que Rusia gasta 86.000 millóns). É este inmenso poder militar o que permite á Tríade seguir afirmándose sobre os pobos do mundo, a pesar do seu enfraquecemento na economía mundial.

 Nos últimos anos, Estados Unidos fomentou o rearmamento xaponés e a concentración militar alemá, desalentados ambos tras a Segunda Guerra Mundial, para que estes “vasalos” poidan reforzar a Nova Guerra Fría parroquial de Washington contra Rusia e China, así como contra os novos Estados asertivos do Sur Global. Aínda que algunhas elites de Europa e Xapón son capaces de ver as crises internas dos seus países que están a ser aceleradas pola axenda da política exterior estadounidense, carecen da confianza cultural e política para se valeren por si mesmas.

 En 2016, a Alta Representante da Unión Europea, Federica Mogherini, formulou o concepto de “autonomía estratéxica” de Europa respecto dos Estados Unidos na Estratexia Global da UE. Tres anos despois, o francés Emmanuel Macron afirmou que a OTAN sufría “morte cerebral” e que “Europa ten capacidade para se defender”. Hoxe está claro que ningunha das dúas afirmacións —a autonomía estratéxica de Europa e a súa capacidade para se defender— se sostén. Os modestos retornos do gaullismo en Francia non ofrecen o tipo de valentía que necesitan os líderes europeos e xaponeses para romper cos pactos trilaterais que se estabeleceron hai setenta e oito anos. Até que chegue esa coraxe, Europa e Xapón seguirán atrincheirados nas súas condicións de vasalaxe, e a Tríada seguirá ben viva.

 

[Artigo tirado do sitio web The Tricontinental, do 1 de xuño de 2023]