Repsol subcontrata o transporte de combustíbel para ampliar beneficios a custa da saúde dos operarios
A Unión Local da CIG do Porriño vén de denunciar diante da Inspección de Traballo que dous condutores dunha subcontrata de Panvelpa, que realiza transporte de combustíbel para Repsol, sufriron golpes de calor como consecuencia das condicións laborais de sobreexplotación derivadas das cadeas de subcontratación que fomenta a empresa para ampliar beneficios a custa da saúde dos traballadores/as. Dende a central advirten das posíbeis consecuencias que podería ter sobre a poboación a falta de control no transporte de mercadorías perigosas.
Os feitos postos en coñecemento da autoridade laboral sucederon o pasado luns día 6, cando un dos condutores, que se atopaba de descanso, acudiu a primeira hora da mañá a un centro de saúde “despois de estar toda a semana queixándose, quedando impedido para o traballo”.
O outro traballador afectado tivo que ser atendido por unha ambulancia nunha estación de servizo da Cañiza durante a súa xornada laboral. “Tiña o camión cheo de combustíbel, e foi trasladado a un centro de saúde e non puido continuar co traballo”, explican dende a central.
Os dous afectados pertencen a unha subcontrata de Panvelpa e prestan servizo no centro de traballo desta empresa no Porriño. Na CIG denuncian que a Panvelpa, que traballa como transportista para Repsol, “permíteselle subcontratar para abaratar custes e aumentar os seus beneficios, e con esta finalidade despediron cinco condutores en 2016 que foron substituídos por oito desta subcontrata”.
Condicións de sobreexplotación
Segundo sosteñen dende a central, esta cadea de subcontratacións tradúcese nunhas condicións laborais de sobreexplotación, “con xornadas de até 15 horas en camións aos que se lles retirou o aire acondicionado para reducir o consumo e nos que as cabinas alcanzan temperaturas de 45 graos ás 22:00 horas, cando os condutores as usan para durmir”.
Advirten que estas condicións laborais e a falta de control no transporte dunha mercadoría perigosa como é o combustíbel poñen en perigo tanto as persoas que traballan como a poboación en xeral e son responsabilidade da subcontrata, de Panvelpa e de Repsol como destinataria do servizo final.
“Porque Repsol permite esta cadea de subcontatacións para abaratar custes, en detrimento da saúde e seguridade dos operarios, e pon en risco as persoas que se atopan na rúa en caso de que se produza un accidente”. En consecuencia, a CIG decidiu poñer os feitos en coñecemento da Inspección de Traballo "porque todos/as temos na retina o recente accidente ocorrido nunha autoestrada italiana".