Representantes sindicais do sector péchanse no interior do Ministerio de Xustiza
Representantes dos sindicatos CIG, STAJ, CCOO e UGT atópanse nestes momentos no interior do Ministerio de Xustiza, á espera da comparecencia da ministra Pilar Llop ou doutro alto membro do seu equipo, que segue negándose a negociar coa representación legal dos traballadores e traballadoras do sector.
Anuncian ademais que incrementarán as mobilizacións no sector tras a protesta ante o Ministerio de Xustiza convocada para este martes, día 22 de novembro, con concentracións nos centros de traballo da Administración de Xustiza en todo o Estado español o próximo 2 de decembro ás 10 horas e non descartan a convocatoria de folga se non son atendidas as súas demandas.
Os sindicatos convocantes reclaman a negociación da Lei de Eficiencia Organizativa do Servizo Público de Xustiza para garantir as condicións laborais, os centros de destino e as funcións dos funcionarios. Lamentan que o Ministerio de Xustiza se negue a negociar cos representantes dos traballadores algo tan esencial como son as súas condicións laborais.
Denuncian que o proxecto de Lei de Eficiencia Organizativa non garante os actuais centros de destino nin as retribucións e demais dereitos laborais e pode supoñer unha importante redución de postos de traballo e supresión de servizos prestados pola Administración de Xustiza.
Ao seu xuízo, este anteproxecto de Lei permite a mobilidade funcional e xeográfica do persoal e a asignación de funcións correspondentes a outros centros de traballo distintos a aquel en que estea adscrito.Os sindicatos denuncian que tamén está aberta a posibilidade de impoñer novas Listas de Emprego sen negociar.
O persoal da Administración de Xustiza demanda, por outra banda, o desenvolvemento e retribución da Carreira Profesional, que é un dereito recoñecido na Lei Orgánica do Poder Xudicial desde 2019, pero que o Ministerio de Xustiza rexeita negociar, recoñecer e establecer as súas retribucións complementarias.T
amén se require a mellora da Promoción Interna para a recuperación do 50% das prazas das Ofertas de Emprego Público para esta quenda e reclama unha convocatoria extraordinaria sumada á convocatoria da quenda libre dos procesos de estabilización.
"Se o acceso pola quenda libre se realiza polo sistema de concurso-oposición (sen oposición) tamén a Promoción Interna ten que se facer polo mesmo sistema de concurso de méritos", afirman os representantes sindicais.
Outra das reivindicacións sindicais nestas mobilizacións é a convocatoria de Concursos de Traslados con todos os postos vacantes, denunciando que moitos deles se ocultan ano tras ano ao acceso do persoal ordinario, sen ningunha xustificación, coartando as expectativas de mobilidade do persoal.
Por último, os sindicatos do sector da Xustiza reclaman a negociación do Regulamento e Relacións de Postos de Traballo do Rexistro Civil e denuncian que o despregamento dos novos Rexistros Civís se está a realizar de forma unilateral sen negociación colectiva, que se lles asignan arbitrariamente novas funcións para o persoal dos novos Rexistros Civís e das oficinas colaboradoras dos Xulgados de Paz e que o novo programa informático DICIREG aumenta o volume de traballo pero non aumenta o número de efectivos.