Representantes do persoal do naval da ría de Ferrol concéntranse na Delegación do Goberno para pedir carga de traballo
Membros do comité de Navantia, delegados/as das auxiliares e representantes das federacións de Industria de CIG, CCOO, UGT e MAS concentráronse na mañá deste xoves diante da Delegación do Goberno na Coruña en demanda de carga de traballo, que permita paliar a falta de actividade prevista nos estaleiros da ría de Ferrol para os próximos dous anos.
No marco da protesta, que dá continuidade á xornada de paros e mobilizacións que o persoal realizou o pasado 25 de abril, a representación social entregoulle un escrito ao delegado do Goberno no que advirte do impacto que terá para a comarca de Ferrolterra a falta de ocupación dende o inicio de 2020 até xaneiro de 2022, xa que non hai contratos entre a entrega dos AORs para a armada australiana e o inicio das fragatas F-110, previsto para inicios do ano 2022.
Neste senso, lembran que nestes momentos están en construción dous buques de apoio loxístico (AOR) que se entregarán en xaneiro e en xullo de 2020, respectivamente. Nesta obra traballa o persoal propio de Navantia e arredor de 1300 operarios e operarias da industria auxiliar. Porén, uns 400 traballadores/as perderán o seu emprego dende agora até o próximo agosto (data da botadura do primeiro destes buques) ao quedar o gremio de aceiros sen actividade.
Ademais, alertan, a perda de postos "será un goteo constante" dende a botadura do AOR até a súa entrega en xaneiro de 2020; tempo este no que calculan que outros 500 empregados/as quedarán sen traballo.
Hai auxiliares que xa comezaron a despedir persoal
A este respecto, o secretario comarcal da CIG-Industria, Vicente Vidal, que participou na xuntanza co delegado do Goberno, puxo o acento en que este non é un problema a medio prazo, senón que "xa está enriba da mesa, pois xa hai auxiliares de diferentes áreas que comezaron a despedir persoal". Por iso, urxiu o representante gubernamental a que non se limite a trasladar a preocupación do sector a Madrid, senón que traballe para que a demanda de carga de traballo sexa unha realidade e a pular porque se aproben os orzamentos para tal fin.
Complexo integral da construción naval
Engade Vidal que para cubrir este período de inactividade, a representación social pide que se poña en marcha a construción dun novo buque de soporte loxístico, que outorgaría carga de traballo para case 32 meses. Esa sería unha posíbel "solución ponte" para paliar esta falta de contratos e ademais as obras poderían acometerse de maneira inmediata posto que a enxeñaría xa está feita. "Fica clara a necesidade imperiosa da comarca de que se aprobe calquera tipo de contrato que supla esta falta de actividade", asevera o secretario da CIG-Industria de Ferrol.
Ademais da solución inmediata que representaria o buque loxístico, a Federación de Industria defende que hai que avanzar cara ao complexo integral, a diversificación nos sectores de actividade e, sobre todo, a recuperación da construción civil. "A situación actual é boa proba de que o confinamento no mercado militar é un corsé que vai afogar a toda a comarca. Recuperar a construción civil é preciso para manter niveis estábeis de ocupación que de outro xeito son imposíbeis, mais aínda de se materializar o tan sonado estaleiro 4.0", advirten.
Seguir na mobilización para lograr carga de traballo
Ante esta situación, a CIG-Industria de Ferrol reitera que "non se vai resignar a recibir falsas esperanzas" e apunta á necesidade de que os traballadores e traballadoras do naval saian á rúa "porque este será o único xeito de forzar e presionar os gobernos para que se impliquen na busca de carga de traballo adicional. Precisamos converternos en obxectivo político prioritario e preferente para todo o que teña a ver co sector naval, en calquera dos sectores de actividade: civil, militar, reparacións, turbinas, eólica, etc.", salienta.
Nesta liña, Vidal engadiu que unha das medidas de presión que se acordou foi cortar a realización das horas extraordinarias de semana e estase vendo de facer o mesmo coas de fin de semana.