Representantes do persoal de Albada trasládanlle ao BNG a súa preocupación polo atraso na elaboración dos pregos
Representantes do persoal da Planta de tratamento de residuos de Nostián, xestionada por Albada, reuníronse este luns co Grupo Municipal do BNG, dentro dunha serie de xuntanzas que levarán adiante cos diferentes grupos políticos do Concello da Coruña, para amosarlles a súa preocupación polo atraso que existe na elaboración dos pregos de condicións para a nova contrata.
A representación dos traballadores e das traballadoras cualifica a situación de moi grave pois en pleno mes de xaneiro de 2021, aínda non saben nada do que vai acontecer coa concesión. Entenden que a estas alturas xa se tería que saber cal é o proxecto que ten o Concello e cales van a ser as repercusións sobre o modelo da planta das normativas europeas medioambientais que, segundo fontes municipais, son as que están a atrasar a redacción do novo prego.
Mentres isto acontece os dereitos do persoal continuar a se deteriorar pois Albada, a pesar de estar en situación de prórroga forzosa, en ningún momento cesou no recorte das condicións socio laborais e cómpre lembrar que, a día de hoxe, os traballadores/as seguen sen convenio colectivo. Pero esta demora tamén está a ocasionar un deterioro progresivo das instalacións por falta de inversións na planta, que se agravará canto máis demore o proceso de adxudicación.
Por parte da representación sindical anúncianse máis reunións co resto dos grupos políticos nos vindeiros días coa finalidade de pedirlles o seu apoio e que actúen diante do Goberno municipal da Coruña instándoo a axilizar ao máximo a publicación dos pregos para evitar seguir afondando no deterioro da planta e dos dereitos socio laborais.
Deste xeito, xa está confirmado un encontro co grupo municipal da Marea Atlántica o próximo xoves ás 10h.