Representantes do persoal de Albada mobilízanse en María Pita para demandar axilidade nos pregos
Representantes do persoal de Albada mobilizáronse este xoves diante do Pazo de María Pita coincidindo coa celebración do pleno municipal no que se abordaba unha moción sobre o deterioro progresivo da planta de tratamento de residuos de Nostián, a demora na elaboración dos pregos do novo contrato e a perda de dereitos sociolaborais. A representación social despregou cartaces alusivos a estas cuestións aproveitando a entrada das concelleiras e concelleiros do Goberno municipal á sesión e urxíndolles solucións.
A moción, presentada polo BNG, produciuse como resultado da rolda de contactos cos grupos da oposición que nas últimas semanas mantiveron representantes do persoal para trasladarlles a súa preocupación polo atraso na elaboración dos pregos, exporlles a situación na que se atopan as instalacións e a indefinición do proxecto que o PSOE quere para Nostián.
Solicitarán reunión coa Concellaría
Neste senso, dende a maioría do comité apuntan que tamén van solicitar reunión coa concelleira de Medioambiente para transmitirlle, unha vez máis, estas demandase e reclamar solucións inmediatas.
Lembran que despois de pasar oito meses intervida, a planta volve estar baixo a dirección de Albada, en situación de prórroga forzosa, pero que en ningún momento cesou no recorte das condicións socio laborais do persoal. Cómpre lembrar que, a día de hoxe, os traballadores/as seguen sen convenio colectivo a causa das artimañas da concesionaria.
Xunto a isto, descoñécese que vai acontecer coa concesión ou cales serán as repercusións sobre o modelo da planta das normativas europeas medioambientais que, segundo fontes municipais, son as que están a atrasar a redacción do novo prego.
Os representantes do persoal subliñan tamén que ao deterioro que sofren as instalacións pola falta de mantemento, hai que engadirlle que as planta precisa dun cambio estrutural que repercutiría nuns maiores niveis de reciclaxe, nunha menor cantidade de residuos e polo tanto nun menor gasto por envío de rexeitamentos ao vertedoiro.