Representantes do persoal de Albada continúan coa Marea Atlántica a rolda de contactos institucionais pola demora dos pregos
Unha representación dos traballadores e das traballadoras de Albada continuaron na mañá deste xoves a rolda de contactos cos grupos municipais da Coruña para trasladarlles a súa preocupación polo atraso na elaboración dos pregos e exporlles a situación na que se atopan as instalacións, así como a indefinición do proxecto un ano e medio despois de que o PSOE accedera ao Goberno local.
Desta volta, a xuntanza foi co grupo coa da Marea Atlántica que se comprometeu, ao igual que fixo o BNG, a levar a pleno esta situación xa que entenden que é de enorme preocupación que a día de hoxe o prego siga sen estar listo, polas consecuencias que ten tanto para os traballadores e traballadoras como a nivel social.
A este respecto, a representación do persoal apunta que, ao deterioro que sofren as instalacións pola falta de mantemento, hai que engadirlle que as planta precisa dun cambio estrutural que repercutiría nuns maiores niveis de reciclaxe, nunha menor cantidade de residuos e polo tanto nun menor gasto por envío de rexeitamentos ao vertedoiro.
Por iso, para a parte social "canto antes teñamos unhas instalacións máis modernas antes haberá unha mellor reciclaxe, que realmente responda ao proxecto orixinal polo que foi construída a planta de Nostián".