Gardacostas manifestan a súa decepción ante a falta de vontade política do goberno para rematar coa súa discriminación
Unha representación do colectivo de gardacostas e a responsable nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, reuníronse esta mañá con representantes dos grupos parlamentarios no Congreso das e dos Deputados para recabar o seu apoio e que se modifique a Lei 47/2015, do 21 de outubro, reguladora da protección social das persoas traballadoras do sector marítimo-pesqueiro. A central sindical promoveu para iso unha emenda, que foi presentada polo BNG, para que se acolla ao persoal funcionario das escalas de Gardacostas no TREMAR.
As xuntanzas, que se desenvolveron ao longo da xornada, coincidiron coa celebración da ponencia da Lei de Pesca Sustentábel. Segundo explica Burgos, todos os grupos recoñeceron a discriminación por razón de réxime xurídico que sofre o colectivo de gardacostas, por seren funcionarios, e consideraron que tiñan estar integrados no TREMAR.
Porén, manifesta a decepción do colectivo de gardacostas polo veto do goberno á emenda que “supón que non se poida debater e moito menos votar”. É dicir que “a práctica do goberno de vetar esta emenda se contradí co que manifestan tanto o PSOE como Unidas Podemos”. Con todo, Burgos asegura que “non nos imos render e insistiremos na reforma lexislativa para que se inclúa o colectivo, urxentemente, no réxime especial do Mar”.
Unidas Podemos, diante do veto do goberno, por cuestións orzamentarias, propuxo como alternativa presentar unha proposición non de lei para buscar unha saída. Pola súa banda os representantes do PSOE indicaron que “non teñen claro se a lei de pesca é a saída a isto e din que temos que tratar con Traballo e Seguridade Social”, explica a responsable da CIG-Autonómica.
ERC e EH Bildu manifestaron tamén o seu pleno apoio á emenda. “ERC propuxo buscar conxuntamente co BNG unha fórmula para recuperar a emenda e xa adiantou que mantería o seu apoio á loita onde siga, se isto non vai adiante”, sinala Burgos.
No mesmo sentido, Bildu explicou que “estudan a posibilidade de discutir o veto do goberno porque non lle concordan os números e insistiron en que hai varias vías para que o goberno, cun informe favorable, poida recuperar a emenda”.
Na xuntanza co grupo popular, que se desenvolveu no decurso da tarde, os seus representantes “declararon sentirse sorprendidos polo veto a emenda, porque eles ían votar a favor mais indicaron que intentarían que desde Galiza se lle dea impulso á iniciativa ou se busque unha solución pactada Goberno-Xunta”.
Diante disto, a conclusión das xuntanzas para os representantes do colectivo de gardacostas é que “o problema témolo nós e nosa saúde, mais a solución téñena eles e quen podían realmente resolver a situación só demostraron falla de vontade política”.
Inclusión no TREMAR
Ao persoal funcionario das escalas de gardacostas de Galiza se lle exixe, como a todos os traballadores do mar, os requirimentos do Instituto Social da Mariña (ISM) para poder realizar as súas funcións como unha formación específica e a superación dun recoñecemento médico. Máis, ao tempo, o propio sistema non os admite porque non están dentro do réxime especial do mar xa que están no réxime xeral da seguridade social.
Está situación esperpéntica supón que o noso persoal non teña a protección para a súa saúde, como a xubilación anticipada ou a vixilancia médica específica que necesitan polos riscos que para a saúde supón o traballo no mar. Isto é mais grave se temos en conta que, porén, os compañeiros da privada que comparten o ámbito laboral coas tarefas e os medios da Xunta (embarcacións, etc..) están no TREMAR con normalidade.
A CIG-Administración Autonómica leva meses reclamando á Consellería, ao Goberno e ao Parlamento de Galiza que aporten unha solución a esta discriminación que unicamente sofren por ser persoal funcionario, razón coa que o ISM determina a súa exclusión do réxime especial do mar. Neste sentido, a responsable da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos denuncia que, “malia ser coñecedores polo de agora nin a Xunta da Galiza, nin os ministerios implicados aportaron solución real ao problema”.