Comités de URBASER e TRALUSA urxen información sobre as condicións dos novos concursos
Representantes dos comités de TRALUSA e URBASER concentráronse esta mañá na praza do Obradoiro coincidindo co debate, no pleno do concello de Santiago, dunha moción conxunta da oposición en relación cos atrasos dos novos concursos destas contratas municipais e pola falta de información sobre o contido das mesmas. Nese sentido e en nome das e dos traballadores, interveu no pleno Gabriel Muxico, de TRALUSA, quen denunciou que hai unha demora de anos na licitación destas concesións, cando son as máis importantes do concello tanto en volume económico como en carga de traballo.
O representante dos traballadores e traballadoras destas contratas denunciou ademais a falta de diálogo e de información sobre o contido das plicas por parte do concello.
O atraso que arrastran estes concursos está provocando un cada vez maior deterioro do material, que está “en condicións pésimas” por falta de mantemento porque “as concesionarias din que non van acometer ese gasto sen saber se van renovar ou non”, indican desde os comités.
Tal é a situación que recentemente se produciu un accidente entre un camión de URBASER e un autobús de TRALUSA que circulaban pola zona das Rodas polo estado no que se atopaban os pneumáticos do camión. “Coas rodas gastadas non puido frear. A iso súmase o estado do piso das rúas, que dificulta o agarre. Por iso levamos tempo tamén demandando que se arranxen”, explican.
Lembran que a nova lei de contratas prevé que se informe á representación do persoal do contido das plicas, nomeadamente no que respecta ás cláusulas sociais. Porén, a falta de diálogo é unha constante. Neste sentido apuntan que antes de Xosé Sánchez Bugallo ser reelixido alcalde si que se reuniu cos comités, cos que se comprometeu a manter un diálogo que “agora que xa non está en campaña, non se produciu”.
Falta de medidas covid en URBASER
O comité de empresa de URBASER vén reclamando desde hai tempo unha xuntanza co concello para informar das deficiencias do servizo de limpeza, coñecer as condicións dos novos pregos do concurso, sobre todo, das medidas que se recollen contra a covid-19 e facer as súas aportacións. Propostas que entenden que beneficiarían ás veciñas e veciños de Compostela, así como as persoas traballadoras da empresa.
Aseguran que levan intentando contactar tanto co alcalde como coa concelleira desde hai tempo pero que esta só mantivo unha reunión na que o comité trasladou as súas inquedanzas e informou dos servizos que a empresa non está a facer ou fai de maneira escasa. Descoñecen, porén, se tomou en conta algunha das súas aportacións.
O comité de empresa reitera a súa preocupación pola situación sanitaria que se está a dar no concello e traslada a súa frustración por non ter o material necesario “para poder realizar o servizo como merece a cidade”. Por iso entenden que se deben escoitar as súas propostas; reiteran a solicitude dunha xuntanza co concello e demandan que saia, con urxencia, a nova contrata.
Demandas do persoal de transporte urbano
O persoal do transporte urbano de Compostela demanda que no próximo concurso se inclúa unha cláusula pola que todas as contratacións de persoal que se fagan teñan as mesmas condicións laborais. Un acordo que se acadara co goberno municipal anterior para que no caso de que quen gañara o concurso fose unha UTE as contratacións se fixesen por unha única razón social: ou ben pola UTE ou ben por unha das empresas.
Agora mesmo TRALUSA está formada por TRAPSA e AULUSA e as contratacións fanse por TRALUSA ou AULUSA con condicións diferentes. Segundo explican, “emprégase AULUSA para aqueles traballadores/as que nunca alcanzan antigüidade. O grupo MONBUS ao que pertencen as dúas empresas vailles cambiando de contrato entre AULUSA, TRALUSA e Castromil, que tamén ten dúas liñas de transporte urbano”.
Dese xeito, ese persoal “nunca alcanza antigüidade abondo como para ter un contrato indefinido, o que os condena a unha situación de precariedade permanente, a ter que aceptar horas extra obrigatorias e por debaixo do prezo de convenio. Hai persoal que botou así ata 14 anos nesta situación”.
A maiores hai outras 5 empresas (Autocares Rías Baixas, Empresa Freire, Autos Grabanxa, Hermanos Ferrín, AUCASA) que tamén teñen algunha liña de transporte urbano que no próximo concurso se terán que unificar. En todas elas as condicións de traballo son diferentes e agás algunha excepción incumpren o convenio colectivo. Dáse a circunstancia ademais de que o concurso do transporte urbano está caducado desde 2015 “o que provocou que estas diferentes e abusivas condicións de traballo se mantiveran no tempo”, din.