Representantes da CIG-Servizos e persoal despedido por Lacera péchanse na dirección de Recursos Económicos do CHUAC
Representantes da CIG-Servizos e persoal da limpeza do Abente y Lago permanecen nun peche nas oficinas de Recursos Económicos (situadas no hotel de doentes) para reclamarlle á dirección da área sanitaria da Coruña que interveña no conflito xerado pola empresa adxudicataria, Lacera, tras decidir non subrogar a cinco traballadoras/es que formaban parte do servizo e tiñan dereito á seren incorporados na nova contrata.
O obxectivo desta medida foi forzar unha reunión co director de Recursos Económicos para reclamarlle unha solución que poña fin ao conflito e á folga indefinida iniciada polo persoal do servizo de limpeza do Abente y Lago. Dita solución,subliñan, pasa por obrigar a Lacera a cumprir co recollido nos pregos de condicións e no convenio colectivo de aplicación, readmitindo de inmediato ao persoal despedido.
Na xuntanza, o responsábel de Recursos Económicos limitouse a falar dun posíbel expediente penalizador á empresa, mais sen achegar ningún compromiso concreto. Diante disto, os representantes da CIG e as traballadoras/es acordaron permanecer nas oficinas da EOXI até que haxa unha solución concreta enriba da mesa, instando ademais a que a dirección faga as xestións oportunas para sentar as partes, tendo en conta que se descoñece quen son as persoas responsábeis de Lacera e que a empresa permanece desaparecida dende o primeiro día.
O persoal está en folga indefinida
As traballadoras e os traballadores da limpeza iniciaron este martes unha folga indefinida para demandar a reincorporación das compañeiras e compañeiros despedidos, denunciar a sobrecarga de traballo que teñen que realizar polos recortes no cadro de persoal e a falta de cobertura das ausencias, así como que a empresa "nin sequera facilita o material necesario e está ausente dende que entrou no servizo o 1 de febreiro".
Como exemplo do deterioro do servizo, o secretario comarcal da CIG-Servizos, Roberto Pérez, apunta que en moitas quendas nin sequera se poden cumprir os servizos mínimos decretados polo SERGAS, xa que estabelecen máis persoal do que hai habitualmente dispoñíbel.
Malia que os despedimentos e os problemas no funcionamento do servizo de limpeza do Abente y Lago xa foron postos en coñecemento do SERGAS, "este bota balóns fóra, di que non detecta ningunha irregularidade e non asume a súa responsabilidade, como titular do contrato, de obrigar a empresa a cumprir cos pregos e a normativa laboral vixente", denuncia Pérez.
Lembra que non é a primeira vez que Lacera accede a un contrato do SERGAS na área sanitaria da Coruña e que os incumprimentos laborais xa foran frecuentes cando esta empresa se encargou do servizo de limpeza no Hospital da Coruña. Con este historial, Pérez reclámalle á dirección dilixencia e que actúe de inmediato para que se reincorpore no seu posto ao persoal non subrogado, se garanta o respecto aos dereitos do persoal e un servizo de calidade. Porque, como ben subliñan as traballadoras, "un hospital sen limpeza adecuada non funciona".