Representantes da CIG en Feiraco e Irmandiños demandan información sobre o proceso de integración das cooperativas en CLUN
Delegados e delegadas da CIG das cooperativas Os Irmandiños e Grupo Feiraco veñen de celebrar unha xuntanza para abordar a nova situación tras do proceso integrador de ambas as cooperativas, xunto coa de Melisanto, nun novo grupo cooperativo de grao dous que nacerá en xaneiro co nome de CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas).
Na xuntanza coincidiron en valorar “de antemán” favorábel “calquera proceso que redunde nunha maior aposta polos proxectos cooperativos e nunha defensa e posta en valor dos sectores produtivos do país”.
Porén, coincidiron tamén en manifestar a súa preocupación, do punto de vista sindical e laboral, pola “indefinición” que as direccións das cooperativas están mostrando. “A día de hoxe consideramos que o persoal das distintas cooperativas está sendo o grande esquecido no proceso, e a información que se lles proporciona brilla pola súa ausencia”.
Sinalan que desde as direccións das cooperativas aseguróuselles que se respectarán os dereitos laborais dos cadros de persoal, algo ao que, lembran, “xa están obrigados por lei”. Pero manifestan que cando se lles presentan dúbidas e interrogantes tales como cal vai ser o convenio colectivo de aplicación –tendo en conta que cada cooperativa accede á integración con cadanseu convenio- ou se a previsible especialización de centro de traballo ocasionará mobilidade xeográfica ou funcional, “non atopamos máis que evasivas e dúbidas por resposta”.
Por iso, explican que “a incertidume se está apoderando dos cadros de persoal e, xa que logo, dos seus representantes sindicais, que xa non saben se preocuparse máis porque estea todo xa previsto e non se diga, ou se porque o proceso a estas alturas non teña estes aspectos xa ben estudados e planificados”.
Paso de cooperativa a grande empresa
Xunto a isto, tamén manifestan a súa preocupación porque CLUN, dado o tamaño e dimensión coa que nace, “pase a ter os comportamentos ao uso dunha grande empresa máis do gran capital, onde só importa ter máis e máis beneficios aínda a custo de precarizar cada día máis as condicións laborais dos seus traballadores e traballadoras”.
Ante esta situación, desde a CIG Feiraco e CIG Irmandiños solicitan das direccións das respectivas cooperativas a maior información e transparencia posíbel, así como un continuo diálogo coa representación sindical “que fuxa en todo caso da mera información tras feitos consumados”.
As representacións sindicais da CIG nas dúas cooperativas adiantan ademais a súa intención de estar, a partir de agora, en continuo contacto para que flúa calquera información que vaia aparecendo e para actuar de forma coordinada cando e como sexa preciso. “Así mesmo estaremos vixiantes en todo o proceso para que se garantan todos os postos de traballo e as condicións dos mesmos”, aseguran.