Remata sen acordo a nova xuntanza do convenio de Vitrasa pola actitude “intransixente” da dirección
Dende a representación do cadro de persoal de Vitrasa cualifican de “decepcionante” a xuntanza mantida hoxe coa empresa para negociar o convenio colectivo, que rematou sen acordo unha vez máis pola actitude “intransixente” da dirección. E é que a compañía que puxo enriba da mesa a mesma proposta que na anterior ocasión: que os traballadores/as desconvoquen a folga indefinida e acepten unha plataforma enviada pola empresa.
Ao mesmo tempo, Vitrasa non amosou disposición de negociar a plataforma actualizada remitida polo comité, “nin sequera aspectos que non supuxesen ningún desembolso económico”. O argumento da empresa durante toda a reunión foi que “non ten diñeiro” e está á espera do reequilibrio económico por parte do Concello, “aínda que xa advertiu que non lle vai dar para cubrir todas as perdas sufridas dende 2020”.
A proposta da empresa segue a ser a mesma: incrementos salariais do 0% para os anos 2021, 2022 e 2023
Neste senso, o comité lembra que xa hai máis dun mes que o alcalde, Abel Caballero, asegurou publicamente que o reequilibrio xa estaba calculado, e esixíalle ás partes que sentasen a negociar. “Mais a pesar de coñecer nas últimas horas unha nova suba histórica do billete, que supón un incremento na tarifa dun 5,4% (16,3% nos últimos tres anos coas anteriores subas), Vitrasa continúa negándose a negociar”.
Para a representación sindical esta actitude demostra o inmobilismo e o talante pouco negociador dunha empresa “á que pouco lle importa o pésimo servizo que se lle está prestando á cidadanía”. Por iso consideran “obvio” que a compañía se atopa cómoda cos servizos mínimos da folga, “xa que coa metade de autobuses circulando, e cheos, a súa rendibilidade aumenta”.
Sen actualización salarial
Finalmente, critican que Vitrasa leve tres anos negándose a negociar pola falta de reequilibrio económico “e agora que xa o coñece a súa proposta siga a ser a mesma: incrementos salariais do 0% para os anos 2021, 2022 e 2023”.
E rexeitan tamén a actitude do Concello de Vigo, “pretendendo politizar un conflito laboral mentíndolle á cidadanía coa única pretensión de desviar a atención das súas responsabilidades co servizo público de transporte”.